Eleccións municipaisPolíticaÚltima hora

Preséntase a candidatura socialista en Verín ás eleccións do 24-M

O acto tiña lugar na tarde do 16 de abril na Casa da Cultura de Verín

Gerardo Seoane, na súa intervención no acto de presentación da candidatura socialista en Verín.
Gerardo Seoane, na súa intervención no acto de presentación da candidatura socialista en Verín.

O salón de actos da Casa da Cultura de Verín acollía na tarde do 16 de abril a presentación da lista coa que o PSdeG-PSOE concurrirá ás vindeiras eleccións municipais do 24 de maio neste concello ourensán. Trátase dunha candidatura “formada por persoas que queren ao seu pobo, comprometidas co seu futuro e ilusionadas con este proxecto, persoas capaces de propor unha nova forma de gobernar un concello para todos, unha nova economía con máis democracia e xustiza social”, tal e como aseguraba ao comezo do acto o cabeza de lista, o arquitecto Gerardo Seoane.

Asistentes ao acto da presentación en Verín.
Asistentes ao acto da presentación en Verín.

Na súa intervención tamén avanzaba algúns dos puntos do programa co que os socialistas se presentan ás municipais. Neste senso, propón “baixar os impostos, o imposto de bens inmobles, o imposto de circulación e adecuar a administración do Concello ao realmente necesario”, así como unha “asistencia social, centros de día onde sexan necesarios, vivendas comunitarias atendidas axeitadamente e a un prezo equilibrado”.

Seoane tamén se refería á necesidade de tomar de medidas para evitar en Verín a perda da poboación “entre 25 e 40 anos, que é o motor da economía” e apuntaba que para mellorar a situación deste concello é necesaria “máis democracia e máis cultura”. Para o candidato socialista é preciso sacar un maior proveito dos recursos cos que conta este municipio e unilos “á tecnoloxía máis punteira”.

Aposta asemade pola construción dunha rede de balnearios, “facendo ao lado dos existentes novos parques con novos quioscos para expender auga e introducir esta actividade nas redes sanitarias e de ocio nacional e internacional”.

Ademais do candidato á alcaldía, da lista do PSdeG-PSOE en Verín forman parte: 2. Martín (José Luis), 3. Rosario Rodríguez, 4. Cándido Couñago, 5. Elías Taboada, 6. Julio Vieitez, 7. Vicente González, 8. Silvia Rodríguez, 9. José Pereira, 10. Cristina Reigada, 11. Isidro Sánchez, 12. Trini Rodríguez, 13. Ana Díaz, 14. Benigno Rodríguez, 15. Feliciano Cid, 16. Rosa Mary Pérez, 17. Juan Carlos Francisco; e xa como suplentes, Ana Colmenero e Carlos Gómez.

Artigos relacionados

Back to top button