CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Preséntase a reedición de “Sonetos ao Val de Quiroga” de Manuel María

O acto está previsto para o mediodía do 12 de febreiro no Auditorio de Quiroga
Portada do libro.
Portada do libro.

Os Concellos de Ribas de Sil e Quiroga, coa implicación da Casa-Museo Manuel María, veñen de reeditar o libro “Sonetos ao Val de Quiroga” de Manuel María. Nel contouse asemade coa participación dos estudantes dos CEIP de San Clodio e Quiroga e o IES de Quiroga, que fixeron os debuxos que acompañan aos orixinais da primeira edición e que foran realizados polo pintor quirogués Xosé Teixelo.

Os responsables de cada un dos centros foron os encargados de seleccionar as ilustracións alusivas que acompañan a cada un dos 30 sonetos compostos polo poeta Manuel María ao que se lle rende homenaxe na edición das Letras Galegas de 2016.

Este libro de 30 sonetos do autor homenaxeado neste ano nas Letras Galegas será presentado o día 12 de febreiro de 2016, ás 12:30 h, no Auditorio Municipal de Quiroga. Nel contarase coa presenza dos alumnos dos citados centros educativos aos que se lles fará entrega de cadanseu exemplar.

“No acto, que sirve como pretexto para facerlle entrega aos rapaces e rapazas do libro, contarase coa colaboración de Antón Laxe da Fundación Manuel María, que terá un recordo para o poeta e a súa forte vinculación coas terras do Val do Sil e explicará o funcionamento da Fundación e a Casa Museo de Manuel María”, tal e como se informa dende o Concello de Quiroga.

Artigos relacionados

Back to top button