En portadaÚltima hora

Preséntase a nova Asociación de Empresarios Bodegueros de Valdeorras

Está integrada por dez adegas desta denominación e pretende “unir forzas e intereses” no sector

 

Potenciar os viños valdeorreses e unir forzas e intereses en defensa da Denominación de Orixe Valdeorras. Con este afán vén de poñerse en marcha a nova Asociación de Empresarios Bodegueros de Valdeorras. A entidade, que agrupa a dez adegas valdeorresas, presentábase na tarde do 27 de abril nun acto celebrado no edificio multiusos do Barco.

“Esta é a primeira asociación do ámbito empresarial vitivinícola que se constitúe na D.O. Valdeorras e busca definir unha política común de traballo e cooperación para unha parte do sector, o adegueiro”, segundo destacaba a súa vicepresidenta, Arantxa Barros.

Tamén interviña o tesoureiro da entidade, José Ramón Rodríguez, quen aludía ao peso económico do sector vitivinícola en Valdeorras e á  súa importancia á hora de “fixar poboación no rural”. Explicaba ademais que a asociación se presenta co “ánimo de contribuír e aportar”, apostando pola defensa dos intereses comúns e a creación dun plan de actuación.

Finalmente facíase unha invitación aos adegueiros valdeorreses para que se sumen a este proxecto, así como aos viticultores. “Quen se sinta con inquietudes pode unirse á nosa asociación porque cantos máis sexamos, máis forza teremos e poderemos pór en marcha máis proxectos”, aseguraba Arantxa Barros.

A presentación concluía cunha degustación de viños das adegas asociadas: A Coroa, Alán de Val, Virxe de Galir, Casal Novo, Felipe Mayo, Godeval, Joaquín Rebolledo, Quinta da Peza, Ruchel e Santa Marta.

Fotos: Ángeles Rodríguez

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button