CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Preséntase á primeira tradución ao inglés de “Ilustrísima” de Carlos Casares

O acto tiña lugar na Cidade da Cultura no marco da exposición bibliográfica confeccionada pola Biblioteca de Galicia para celebrar as Letras Galegas 2017

His Excellency é o título da que constitúe a primeira edición en inglés dea novela Ilustrísima de Carlos Casares, autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas. Acaba de ver a luz na colección Galician Classics, un proxecto editorial promovido pola Secretaría Xeral de Cultura e mais polo selo Small Stations Press para a difusión exterior da literatura galega.

A novidade editorial presentábase na Cidade da Cultura polos secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente; polo administrador da Fundación Carlos Casares e fillo do escritor, Håkan Casares; polo editor Jonathan Dunne, pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo; e polo membro da Real Academia Galega Manuel González, no marco da exposición bibliográfica confeccionada pola Biblioteca de Galicia para celebrar as Letras Galegas 2017 e que leva por título “Casares: arte e pensamento para Galicia”.

Trátase dunha publicación que ten como obxectivo “contribuír á proxección da obra de Casares no ámbito internacional”, segundo explicaba o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen se referiu ao novo libro como “unha fiestra máis para proxectar a nosa cultura no mundo”. A tradución vén da man de Jacob Rogers e baixo a supervisión editorial de Jonathan Dunne.

Respecto da novela de Casares, o secretario xeral de Cultura cualificou a obra como “unha chamada contra o dogmatismo e en prol da bonhomía, valores que o escritor tamén compartía no seu carácter”. “Ademais, Ilustrísima incorpora á trama a innovación tecnolóxica no seu tempo, pola que o autor sentiu unha gran fascinación”, segundo explicou, ao tempo que recordou que Casares “foi dos primeiros escritores tecnoloxizados”. “Por todos estes motivos, Ilustrísima é unha acertada elección”, concluíu.

A mostra “Casares: arte e pensamento para Galicia” está formada por preto de 50 pezas –algunhas delas, primeiras edicións das súas obras– e realiza un percorrido pola produción de Casares. Libros, audiovisuais e carteis dos fondos da Biblioteca de Galicia, algúns deles procedentes da biblioteca persoal do escritor depositada en comodato na Biblioteca de Galicia, forman parte deste proxecto expositivo, que se pode ver no Gaiás ata o próximo 10 de xuño.

Nela, o visitante terá ocasión de se achegar ás distintas facetas do escritor, que van desde a de autor literario, á de intelectual que se preocupou por divulgar os autores galegos históricos, pasando pola súa faceta vinculada ao desenvolvemento da literatura infantil e xuvenil, un xénero que iniciaron os da súa xeración en lingua galega. Nesta sección ten unha presenza importante O principiño, que traduciu para o galego e do que foi coleccionista.

Artigos relacionados

Back to top button