En portadaÚltima hora

O presidente da Xunta visita o sector da lousa en Valdeorras

Mantiña unha reunión cos representantes do Clúster da Pizarra de Galicia, en Sobradelo, e percorría unha nave de lousa

Exportación e innovación “son os dous grandes piares deste sector xunto a un incremento da sensibilidade medioambiental, algo que tamén perseguimos”. Con estas palabras, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo concluía a súa intervención aos medios, trala reunión que mantiña con representantes do Clúster da Pizarra de Galicia, en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras).

 

Reunión do presidente da Xunta cos membros do Clúster da Pizarra de Galicia./ Fotos: Carlos G. Hervella.

O titular do Goberno galego chegaba a Valdeorras na mañá do 14 de novembro, acompañado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e polo director xeral de Minas, Ángel Bernardo Tahoces, ente outras autoridades, e trala xuntanza no Centro Tecnolóxico da Pizarra e unha visita ao seu laboratorio, asegurou que a recuperación do sector da lousa é inminente. “É certo que  acaba de pasar un momento de dificultade como consecuencia da crise e da diminución do crecemento económico de países como Francia, Alemaña ou Gran Bretaña, pero tamén é certo que levamos anos subindo a facturación, o ano pasado un 2% e este ano prevemos un 3%, e é un dos grandes sectores da economía galega”.

 

Tamén visitaba o laboratorio do Centro Tecnolóxico da Pizarra, en Sobradelo./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Segundo Feijóo, “o 95% da lousa agora xa se exporta polo tanto é un produto con vocación claramente internacional e hai unha potencia no ámbito da innovación, especialmente para asegurar as condicións hixiénico-sanitarias dos traballadores”. A ese respecto, o presidente da Xunta fixo referencia ao problema do po de sílice, asegurando que “este ano investimos un millón de euros eo ano que vén investiremos tres millóns para financiar ás empresas que establezan mecanismos de extracción para garantir a seguridade dos traballadores durante a fabricación da lousa”.

A visita de Feijóo a Valdeorras, na que estivo acompañado entre outros polo presidente do Clúster, Víctor Cobo e pola alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, Mª Carmen González, así como por empresarios do sector, incluía un percorrido polas instalacións da fábrica Pizarras del Valle (O Trigal), pertencente ao Grupo Cupa. Nela podía ver in situ como funciona o sistema implantado para minorizar a presenza de po de sílice.

 

Un dos momentos do percorrido pola nave de Pizarras del Valle, no Trigal./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Despois, no exterior da nave tiñan lugar unha serie de intervencións. O primeiro en tomar a palabra era o presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Víctor Cobo, quen agradecía ao presidente a súa visita e o apoio ao sector. Seguidamente, a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González, incidía na importancia económica desta zona no marco galego e pedíalle ao presidente da Xunta que ese esforzo produtivo se vexa “compensado” en materia de infraestruturas viarias. Asemade solicitaba que se lexisle canto antes a figura do “municipio industrial”.

 

O presidente do Cluster da Pizarra de Galicia, co presidente da Xunta ao rematar á visita á nave de lousa./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Finalmente, tomaba a palabra o presidente da Xunta de Galicia, asegurando que “dicir Valdeorras en lousa é dicir Galicia”. Resaltaba a calidade desta pedra natural como material construtivo e novamente referíase ao carácter exportador e innovador do sector. Apuntaba que a lousa será un dos sectores que máis se benefeciarán da nova Lei de Implantación de Iniciativas Empresariais, “que reducirá as trabas burocráticas xa que se pasará dun prazo de 6 ou 7 anos para poder abrir unha canteira a un prazo dun ano ou ano e medio”.  Nese senso, dicía, a nova lei vai supor “unha activación da economía, do sector e máis emprego”.

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button