DeportesÚltima hora

Preto de cincocentos participantes no II Memorial Anxo de Sousa Pérez, na Rúa

Os cartos recadados na marcha solidaria serán doados á Fundación Andrea

A pé, en bicicleta ou en moto. Son as tres modalidades nas que participaron as preto de 500 persoas que respondían á chamada do Club Atletismo Rúa para a II marcha solidaria “Memorial Anxo de Sousa Pérez”, na Rúa.

Ás catro e media do sábado 15 de abril, partía dende a praza de Fontei esta marcha de 5 quilómetros de percorrido con meta no Miradoiro Barranco Rubio. Alí, un monólito cuberto de fotografias e flores, lembra ao xove que dá nome á proba, Anxo de Sousa, que recibíu durante a súa enfermidade o apoio da Fundación Andrea (apoio aos nenos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais). A ela, irá destinado todo o recadado coas inscricións da proba celebrada onte.

Tras a marcha, os participantes regresaban á praza de Fontei onde tiña lugar o sorteo de numerosos agasallos. Esta iniciativa deportiva foi promovida polo club de atletismo rues, pero detrás dela está tamén a implicación da peña FMF, así como de numerosos establecementos comerciais, do Concello da Rúa e de Protección Civil.

 

Algúns dos moteiros participantes na proba diante do monólito en memoria de Anxo de Sousa no Mirador Barranco Rubio.

Fotos: Club Atletismo Rúa.

Artigos relacionados

Back to top button