ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Procesión de lume en Castro Caldelas

Un fachón de 40 metros de lonxitude percorría o casco antigo da vila, seguido de multitude de persoas con outros 600 fachóns pequenos

 

Un 19 de xaneiro máis Castro Caldelas cumpría cunha tradición inmemorial: a Festa dos Fachós. Esta  celebración congregaba a multitude de persoas, moitas delas de fóra, en torno ao adro do Santuario dos Remedios. Dende alí partía unha singular procesión, presidida por un San Sebastián de palla, que percorría e iluminaba as rúas do casco antigo desta vila medieval.

A comitiva ía encabezada por un xigantesco e impresionante fachón, duns 40 metros lonxitude, ardendo. Tras el, veciños e visitantes portaban uns 600 fachóns individuais, nun ritual de palla e lume que enchía de luz as antigas rúas da localidade e que remataba, de novo, no adro do santuario, onde os fachós desaparecían nunha gran fogueira que escorrentaba ás baixas temperaturas.

Era nese mesmo lugar onde se repartían entre os asistentes uns 4.000 quilos de chourizos asados (elaborados con porcos caldelaos e curados con fume de leña de carballo ao estilo tradicional), acompañados de pan feito en forno de leña e viño da Denominación de Orixe Ribeira Sacra (en concreto da adega Ponte da Boga) en cuncas de barro.

“Hai moita xente, o fachón foi inmenso e o ambiente é estupendo, resultou moi ben, estamos moi contentos”, comenta a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega. Entre a animación musical estaba o son do folión de Castro Caldelas. A festa, na que non falta tampouco a tradicional queimada, prolongarase ata altas horas.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button