CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

Profesores do IES Carlos Casares de Viana contribúen á formación en Educación para a Paz en Colombia

En colaboración co CCEE Reyes Católicos, formarán a un grupo de excombatentes na rexión do Cauca

O instituto de Viana do Bolo e o Centro Cultural e Educativo Español Reyes Católicos de Bogotá (Colombia), continúan coa súa colaboración a nivel formativo. Por iso varios docentes de ámbalas dúas entidades están realizando unha serie de actividades de Educación para a Paz, “baseadas na introdución da mediación escolar en centros educativos escolares e universitarios do país, como cooperación concreta ao proceso de paz en Colombia”, explican dende o CCEE Reyes Católicos.

Nese ámbito, dende finais de agosto xa teñen formado equipos de resolución pacífica de conflitos, na sede do CCEE, a estudantes universitarios, docentes e decanos da Facultade de Dereito da Universidade del Bosque e a Universidade Central. así como “equipos nunha das zonas máis deprimidas de Colombia, o Chocó, no Pacífico colombiano e na illa caribeña de San Andrés”, puntualizan dende o centro.

Os implicados nesta iniciativa son os profesores galegos Carlos Ferreiro e Ovidio Villar, director e vicedirector do IES Carlos Casares de Viana do Bolo, respetivamente; e Luis Fernández López, rector do Centro Cultural e Educativo de Bogotá, centro de titularidade española; xunto aos docentes do centro, tamén españois, Rubén Pajares e Gema García Medina.

Mañá, sábado 9 de setembro, o equipo asumirá unha das tarefas de maior responsabilidade desta etapa: formar a un grupo de excombatentes na rexión colombiana do Cauca, na facenda cafeteira Tecnocafé, moi próxima á cidade colonial de Popayán. “Ata hai uns anos estes xoves viviron e participaron da fase máis violenta da historia actual de Colombia e agora, mentres ocupan un posto de traballo en Tecnocafé, reciben formación en moitos aspectos, entre eles educación emocional e técnicas de autocontrol e resolución pacífica de conflitos”, explican dende o centro educativo de Colombia.

O IES Carlos Casares de Viana do Bolo e o CCEE Reyes Católicos, vinculados mediante a Rede Educativa Xesús R. Jares, apoiarán durante dous anos a este grupo, “para facilitar a súa incorporación á unha sociedade civil normalizada”. Ademais destas dúas entidades, apoian a actividade a Universidade Católica de Colombia e a Fundación Universitaria da Área Andina.

 

Artigos relacionados

Back to top button