EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

A provincia rexistrou no 2016 case 50 accidentes laborais graves, catro máis ca no 2015

Previsel, o único salón sobre seguridade laboral de Galicia, celébrase en Expourense e nel hai máis de 30 actividades relacionadas coa seguridade

Expourense converteuse hoxe, 10 de maio, no epicentro da seguridade en todos os sentidos, tanto sanitaria como laboral con máis de 30 actividades orientadas á sensibilización e formación en prevención “tanto para as empresas en particular como para a xente en xeral”, dixo o presidente do Comité Executivo de Expourense, Juan Carlos Parada, na presentación inaugural de hoxe.

Este décimo segundo Salón da Prevención da Seguridade Laboral foi inaugurado pola Secretaria Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, Covadonga Toca, que salientou que o obxectivo do seu departamento é “un emprego de calidade en materia laboral” e para iso, dixo, a Consellería está a levar a cabo unha nova Estratexia de Seguridade Laboral 2019-2020, na que, entre outras cousas “na que se va a promover que nos pregos de contratación coa Xunta apareza un apartado dedicado á seguridade”.

Pola súa banda, o vicepresidente da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), José Manuel Díaz, quixo botar un pouco de luz á presentación aportando varios datos relativos aos accidentes laborais “xa que dende a CEO promovemos a seguridade laboral dende a aprobación da lei de prevención no ano 1995”. Segundo o vicepresidente da patronal ourensá, en Galicia, no ano 2015, houbo 58 accidentes mortais. En concreto, en Ourense, en 2015 houbo 10 e, no 2016, rexistráronse cinco. En canto aos accidentes graves, en Galicia houbo 137 no 2015 dos cales 46 foron en Ourense, que no 2016 rexistrou un aumento até 49, “polo aumento da actividade laboral tras a recuperación”, dixo Manuel Díaz.

No acto inaugural tamén interviñeron a tenente de alcalde de Ourense, Sofía Godoy, e o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández.

Tras a presentación, as autoridades anteriormente nomeadas mais a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz e o subdelegado de Defensa en Ourense, entre outros, fixeron un percorrido polos diferentes postos e demostracións e remataron a visita cunha exhibición de drons de rescate por parte da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA). Pero no salón tamén estivo presente a Cruz Vermella, facendo cursos de reanimación; Protección Civil, bombeiros de Ourense…

“Burnout” ou traballador queimado

Un dos relatorios máis concorridos desta xornada inaugural foi o organizado polo Instituto Galego de Seguridade Laboral, ISSGA, que versaba sobre o “burnout” ou “traballador queimado polo estres”. O relatorio foi impartido por Juan Manuel Rodríguez Lorenzo, xefe da Sección de Recoñecementos e Análises do ISSGA en Ourense. Segundo explicou o “burnout” é un “sometemento continuado a unha situación de estres no traballo”. Reiterou o de continuado xa que “acaba cunhas consecuencias que poden chegar incluso a unha invalidez”.

En canto ás actividades laborais que sofren este tipo de problema destacou “aquelas que son de cara ao público”. Pero existen, explicou, profesións que teñen máis incidencia que outras, como pode ser a docencia, o persoal sanitario, policías, bombeiros, militares… En canto aos grupos de idade, Juan Manuel Rodríguez, “antes rexistrábase entre os mozos entre 25 e 33 anos que comezaban no mundo laboral e se topaban coa realidade, que tiñan unha predisposición a traballar e a coller todos os traballos a realizar” aínda que reitera que, tras a perda de calidade laboral tras a crise, “pódese extrapolar a calquera campo de idade”.

Fotos e texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button