En portadaÚltima hora

A provincia segue ardendo

Continúan aínda dez incendios activos, entre eles varios no Macizo Central Ourensán
Incendio en Viana do Bolo./ Foto: Carlos G. Hervella.

Ata dez incendios continúan activos na provincia de Ourense. Así se reflexa nos datos recollidos ás 19:30h. e feitos públicos pola Consellería de Medio Rural e que se refiren aos lumes que superan as 20 hectáreas. Así dos 16 incendios que nestes momentos continúan activos en Galicia, dez están na provincia de Ourense, se ben non existe ningún no que se teña activada a situación 2 por risco a poboacións.

Así continúan ardendo sen control os incendios da Gudiña, Cantoña (Paderne de Allariz), Betán (Baños de Molgas), Araúxo (Lobios), Melón, Santiso e Castro de Escuadro (Maceda), Pensos (Esgos), Gabín (Montederramo) e Ramil (Xunqueira de Espadanedo).

 

Imaxe desoladora de Parada de Sil, un dos concellos ourensáns máis afectados polos lumes./ Foto: Brif de Laza.

Ademais hai outros tres incendios en Ourense estabilizados que son os de Chaveán (Chandrexa de Queixa), Paradellas (Parada de Sil) e Cerdeira (San Xoán de Río). Están asemade controlados outros dez lumes forestais na provincia: Rebordechau (Vilar de Barrio), Chaguazoso (Vilariño de Conso), Oseira (San Cristovo de Cea), Coiras (Piñor), Covas e Chas (Montederramo), Albarellos (Boborás), O Pereiro (A Mezquita), Vilamarín e Río Caldo (Lobios). Hai tres extinguidos que son os de Osoño (Vilardevós), Castiñeira e Veiga de Camba (Vilariño de Conso).

Nesta tarde a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, interviña no Parlamento galego para explicar a situación vivida durante a vaga de lumes. Aseguraba que “é difícil loitar contra quen planta lume ao lado das casas, contra que o fai en varios puntos á vez ou en horas nas que xa non poden actuar os medios aéreos”.

A conselleira, que comezou a súa intervención mencionando aos falecidos durante este “episodio de actividade incendiaria homicida”, agradeceu o labor de todos e cada unha das persoas que participaron na extinción e nas labores de protección civil destes días. Tamen lembrou que o 75% dos incendios que se producen en Galicia son intencionados, pero que durante estes días a porcentaxe se multiplicou.

Ángeles Vázquez aportou datos sobre a situación destes días. Neste sentido resaltou que, durante a crise incendiaria, se rexistraron en menos de 24 horas 34 lumes na provincia da Coruña, 68 en Lugo, 44 en Pontevedra e ata 70 en Ourense. No caso concreto desta última provincia foron ata 104 os incendios rexistrados en 48 horas.

Artigos relacionados

Back to top button