EconomíaEconomíaÚltima hora

O proxecto europeo CRinMA pon en valor o patrimonio cultural dos pobos de montaña

O INORDE (Instituto Ourensano de Desenvolvemento Económico) é socio activo deste proxecto que aposta polo desenvolvemento dos proxectos transfronteirizos
Rocío Gómez e David Teixeira. // Foto: Carlos Asensio.

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e Turismo do Campus de Ourense acolleu na mañá de hoxe, 23 de novembro, unha xornada de difusión sobre o proxecto europeo CRinMA para o desenvolvemento dos recursos en áreas de montaña, no que participa o Instituto Ourensano de Desenvolvemento Económico (INORDE).

O propio presidente deste organismo, e vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, explicou na apertura desta xornada que o proxecto CRinMA pretende “mellorar as políticas rexionais relacionadas coa proxección e a promoción cultural en zonas de montaña”. O vicepresidente reiterou que CRinMA non só axudará ao desenvolvemento das políticas nestas áreas, senón ao desenvolvemento de proxectos transfronteirizos, por este motivo convidaron a un dos socios do proxecto, o municipio de Montealegre, representado polo vice-presidente da Camara Municipal, David Teixeira.

Rosendo Fernández recalcou que esta iniciativa ten tres obxectivos comúns: o fortalecemento da entidade local baseada no patrimonio cultural das rexións montañosas da fronteira; mellora, protección e uso sostible do patrimonio nestas zonas e, finalmente, a transformación creativa deste patrimonio.

Asemade, tamén se prevé o apoio europeo para a dixitalización da herdanza cultural europea “dentro da estratexia Europa 2020”, explicou Fernández. Neste senso, reiterou o seu desexo de que este proxecto se ocupe da política de desenvolvemento sostible nas rexións implicadas, tendo como protagonista todo o patrimonio material e inmaterial.

Pola súa banda, o vice-presidente da Camara Municipal de Montealegre, David Teixeira, asegurou que con esta iniciativa “podemos desenvolver as dúas realidades das zonas de montaña”, a estritamente agrícola e a cultural. Neste senso, reiterou que “nos territorios de montaña podemos ser tamén creativos e innovadores”.

Durante a súa intervención, Teixeira explicou como se levou a cavo no seu municipio este proxecto de desenvolvemento de áreas rurais de montaña, resaltando o aumento da velocidade de internet: “En Montealegre navigamos a velocidade de París ou Tokio”, aseverou. Por outro lado, no eido dos eventos, fixo especial fincapé no Rallye Cross de Montealegre, unha cita xa consolidada “que atrae a miles de persoas”.

Tamén abordou a Boa Práctica do Ecomuseo do Barroso en Montalegre, financiado con Fondos Europeos e a importancia da preservación dos costumes e do patrimonio cultural da rexión. A continuación, a técnico do proxecto Rocío Gómez do Inorde, fixo unha breve presentación da política do proxecto que se vai a tratar; en concreto, ao obxectivo temático 6c de promoción, conservación do patrimonio cultural e natural; así como as actividades e accións incluídas no proxecto de cara á elaboración do Plan de Acción.

Pola súa parte, o xerente do INORDE, José Manuel Rodríguez, profundizou na importancia da cooperación para a acadar proxectos de desenvolvemento da rexión nas áreas dos recursos culturais e naturais. Presentou a Boa Práctica do Proxecto Estaciones, financiado con Fondos Europeos, e que conta co recoñecemento do Primeiro Premio Stephenson da Asociación Europea de Ferroviarios, e do proxecto Castaña e Promercado.

A xornada finalizou cun debate e cun chamamento á implicación dos participantes nas accións futuras do proxecto en prol dun mellor aproveitamento dos fondos.

 

Artigos relacionados

Back to top button