EntrevistasÚltima hora

“Queremos centrarnos na protección total dos deportistas”

A ourensá Marta Míguez Telle é, dende o mes de decembro, a secretaria xeral para o Deporte
A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle no Pavillón dos Remedios de Ourense. /Foto: Carlos G. Hervella.

A súa experiencia como deportista de alto nivel sérvelle a Marta Míguez Telle (Louredo, Cortegada, 1973) para coñecer mellor aos atletas e saber o que precisan. “Ás veces non é doado erguerse todos os días para perseguir un soño se te sentes desamparado” di, por iso “o acompañamento ao deportista no seu camiño será un punto prioritario para nós durante os vindeiros catro anos”. Así o aseguraba menos dun mes despois de tomar posesión como secretaria xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. Un posto, ao que accedía avalada pola súa carreira como atleta de elite, tendo entre os seus títulos o de campiona absoluta en lanzamento de xabalina dende 1998 ata 2002 e a participación nos Xogos Olímpicos de Sidney 2000. Pero tamén a súa formación académica, coa Licenciatura en INEF e dous máster en Xestión e Dirección de Entidades Deportivas e en Xestión Empresarial do Deporte, fixeron desta ourensá a candidata perfecta para substituír a Ramón Lete Lasa.

Acaba de chegar a Santiago e como ela mesma di “temos por diante catro anos para facer moitas cousas e queremos envorcarnos na protección total do deportista, estudando con outras consellerías e departamentos o xeito de outorgar ao atleta unha atención integral”, aínda que son moitos os aspectos e áreas que engloba o seu departamento nos que irán traballando pouco a pouco.

Despois de 14 anos no Consello Municipal de Deportes de Ourense, primeiro como xerente e despois como coordinadora, ¿como recibíu o nomeamento? ¿Como afronta a Secretaría Xeral de Deportes da Xunta?
Con moita honra porque a verdade é que nunca pensara nun posto de tan alta categoría e prestixio, e tamén con moita satisfacción e alegría por teren pensado en min. E asumo o cargo con moito respecto e responsabilidade porque non é pequena a tarefa que hai na Secretaría Xeral. É grande o reto porque se ata o de agora nos ocupabamos do deporte local, agora é do autonómico con toda a súa complexidade.

¿Que atopou en Santiago?
A primeira impresión, que se mantén polo de agora, foi moi boa. Cun equipo de traballo moi eficiente, moi colaborador, que me fixo sentir acollida dende o primeiro momento. Xa non só de Deporte senón doutras consellerías coas que temos que ver porque o deporte é transversal. Non se pode falar del como algo illado, porque ten que ver coa cultura (hai ritmo, baile, música); con política social porque temos deportistas coas súas discapacidades e particularidades; con sanidade loxicamente; con turismo sobre todo polas andainas e rutas que se fan a pé; incluso con comercio no caso de que sexamos capaces de que certas empresas non den facilidades para que algúns atletas de alto nivel que fan un gran esforzo diario e constante, podan optar no futuro a unha praza; con educación; con emigración porque hai deportistas no estranxeiro; con igualdade…

Ten experiencia na xestión deportiva da Administración local e tamén como atleta. ¿Cal lle será máis valiosa no seu novo cometido?
Con respecto ao deporte de alto nivel no que eu me movín, entendo perfectamente as particularidades e as dificultades que conleva porque non só o desfrutei senón que tamén o padecín na mesma medida. Capítulos amargos na vida dun deportista de alto nivel hainos e seino, por iso na medida do posible vou tratar de amparar o regreso dese deportista á sociedade sobre todo no ámbito laboral. A actividade deportiva ten unha caducidade que sabes con antelación suficiente para formarte e prepararte para despois, non só pola idade senón porque podes ter unha lesión ou outra circunstancia que acurte ese camiño. Non todos temos que facer o mesmo pero si pensar no día de mañá polo que é importante a formación, que tamén depende moito da familia (a min era a que máis me influía). Con respecto á xestión no ámbito local, todo axuda evidentemente, tamén a miña formación en Educación Física, unha licenciatura como calquera outra adaptada ao deporte, ademais teño dous máster porque sempre me fascinou o ámbito da xestión. E agora teño unha gran oportunidade para facelo moi ben, que é o que espero, ou polo menos ser xusta, que me parece bastante máis complicado. Non aspiro a ser boa pero tratarei de ser xusta.

A entrevista íntegra pode lerse no número de xaneiro de O Sil Deportivo que xa está na rúa, e no que se inclúe unha ampla información sobre os clubs de baloncesto da provincia de Ourense así como doutros deportes como fútbol, ciclismo ou atletismo. Se non es subscritor, podes mercalo en librarías e quioscos.

Artigos relacionados

Back to top button