EconomíaEconomíaGalerías de fotosViticultura

Ramón do Casar treixadura, Pazo Tizón e Elisa Collarte, mellores viños na cata oficial do Ribeiro

Esta denominación de orixe ourensá entregaba na tardiña do 20 de xuño no Mosteiro de San Clodio os premios do 2017

Máis de 300 profesionais do sector do viño dábanse cita na tarde do 20 de xuño no Mosteiro de San Clodio en Leiro para asistir á sexta edición dos Premios da Denominación de Orixe Ribeiro, a máis antiga de Galicia. O acto, que tiña lugar no claustro do mosteiro, iniciábase coa intervención do presidente do consello regulador desta D.O., Felicísimo Pereira, quen destacaba a importancia de lanzar unha mensaxe “fresca e de optimismo acorde cos novos consumidores”. Lembraba ademais os recoñecementos recibidos por esta denominación ao longo deste ano, citando os Premios Ejecutivos Galicia á calidade e o Verema á mellor D.O. de España.

Asemade referíase aos datos do Informe AC Nielsen, no que o viño do Ribeiro figura como “o segundo mellor valorado a nivel nacional”. Facía tamén un repaso polas accións desenvolvidas polo consello regulador no último ano: “dende a nova precinta á nova páxina web”. E expresaba o seu agradecemento a todos os traballadores do órgano réctor, “só traballando en equipo se consegue avanzar cara a calidade e a mellora constante. Este ten sido un ano excelente para a D.O. Ribeiro, cada vez os nosos viños son máis recoñecios e considerados fóra das nosas fronteiras”.

A partir de aí, dábase paso á entrega de galardóns, presentada pola actriz Camila Bossa. O primeiro en entregarse era o premio á mellor tarefa de comunicación ao xornalista catalán Joan Gomez Pallarés, logo virían o premio “Muller e Viño” á sumiller quiroguesa Mónica Fernández, o premio ao “mellor servizo de viño en restaurante” a A Mundiña (A Coruña), á “mellor tenda esepcializada-viñoteca” a El Yate (Vigo) e á “mellor taberna-bar de viños” a Bagos (Pontevedra).

Nese momento, e tras unha paréntese musical da man do grupo Primordiais, facíanse públicos os nomes das marcas premiadas na cata oficial do Ribeiro deste ano. O galardón ao mellor viño branco de adega recaía no Ramón do Casar treixadura 2016 (adega Ramón do Casar), como mellor branco de colleiteiro resultaba elixido o Pazo Tizón 2018 (Pazo Tizón) e como mellor tinto o Elisa Collarte 2016 da colleiteira Elisa Collarte.

A partir de aí, o acto entraba na súa recta final coa entrega do galardón “Vida entre vides” co que se distinguía a Arsenio Paz, responsable da adega Vilerma; e co premio de honra, que recoñecía o labor da Master of Wine, xornalista e escritora británica Sarah Jane Evans, quen consideraba un “orgullo, un privilexio e unha responsabilidade” recibir este galardón que “toca o meu corazón”. Ademais lembraba a “forte amizade histórica” en termos vitivinícolas entre o Ribeiro e os británicos e dáballe unha serie de recomendacións aos produtores desta zona ourensá.

A entrega concluía coa intervención da directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, quen incidía no valor e potencial do viño galego, “un sector estratéxico dentro do agro, e en particular no caso da provincia de Ourense con catro denominacións de orixe”. Apuntaba como retos a necesidade de aumentar a comercialización “no exterior” e de achegar o viño “á xente nova, non se precisa ser un especialista para desfrutar do consumo de viño”. A música de Primordiais poñía o broche ao acto e, de seguido, ofrecíase aos asistentes unha degustación de viños do Ribeiro, acompañados de diversos petiscos, noutra das zonas do mosteiro.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button