ConcellosÚltima hora

Reábrese a Oficina de Fomento Cooperativo Macizo Central-Trevinca

O seu ámbito de actuación cubre os concellos da Veiga, Manzaneda, O Bolo e Viana
Unha das actividades organizadas anteriormente por esta oficina de cooperativismo en colaboración coa IXP Castaña de Galicia.
Unha das actividades organizadas anteriormente por esta oficina de cooperativismo en colaboración coa IXP Castaña de Galicia.

A Oficina de Fomento Cooperativo Macizo Central-Trevinca volve estar en funcionamento. Retomaba a súa actividade de difusión do cooperativismo nos concellos da Veiga, O Bolo, Viana e Manzaneda o pasado 6 de outubro cun programa de actuacións que se prolongará ata o vindeiro 30 de xuño.

Conta cunha técnica especializada neste ámbito que desenvolverá o seu labor nos catro municipios que cubre a oficina, que rotará a súa ubicación ao longo da semana: os luns e os martes estará na Veiga, os mércores en Manzaneda, os xoves no Bolo e os venres en Viana do Bolo.

A finalidade desta iniciativa é “organizar actividades de promoción e fomento do cooperativismo, así como asesorar aos proxectos que poidan xurdir. Tamén se promoverán accións formativas e elaboraranse plans empresariais”, tal e como indica a técnica, Marta Seoane.

A primeira destas accións comezaba o 20 de outubro en Viana do Bolo cunhas xornadas sobre aproveitamento forestal que continuarán tamén o 21 de outubro. Celébranse na Casa da Cultura vianesa.

Esta oficina conta co apoio da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar a través da Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social e co financiamento do Fondo Social Europeo.

Artigos relacionados

Back to top button