OurenseÚltima hora

O reino suevo volve fixar a súa capital en Ourense con “In Tempore Sueborum”

A exposición abriu hoxe as súas portas cun acto inaugural e ocupa os espazos expositivos do Marcos Valcárcel, o Museo Municipal de Ourense e Santa María Nai

O Cetro Cultural Marcos Valcárcel vestiuse de gala hoxe, 15 de decembro, para dar acollida ao acto inaugural da exposición “In Tempore Sueborum”, unha mostra que, segundo dixo o presidente da Deputación, Manuel Baltar, “e irrepetible e está cargada de historia, armada de entidade política de seu”.

Esta mostra, que permanecerá aberta dende hoxe até o 4 de marzo de 2018, exhibe en tres espazos expositivos: O Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, a igrexa de Santa María Nai e o Museo Municipal de Ourense, 262 pezas de 39 museos europeos, facendo un percorrido polo tempo dos suevos na Gallaecia medieval do século V. En concreto, Reúne a colección na que destacan xoias e pezas ornamentais dunha princesa sueva, utensilios e figuras en ouro e prata, vidro, madeira e ámbar, e elementos relixiosos e funerarios.

Neste acto de apertura estiveron presentes diferentes autoridades políticas, sociais e intelectuais da provincia. Entre eles estivo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; O Bispo de Ourense, Leonardo Lemos; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez ou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, entre outros.

O primeiro en intervir foi o comisario da exposición, Jorge López, que iniciou as súas verbas asegurando que esta exposición “é a primeira vez que se fai en Europa” e reiterou que, “nos tempos que corren” esta mostra é “un claro exemplo de identidade e de mestizaxe”.

Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, reforzou as palabras do comisario no seu discurso: “Esta é a maior e máis ambiciosa exposición de toda Galicia xa que por vez primeira na historia, a historia dos nosos antergos ocupa un espazo”.

Tamén o Bispo de Ourense, Leonardo Lemos, amosouse encantado coa apertura desta mostra. E animou á xente a que a visite e asegurou que “esperemos que esta exposición nos axude a encontrar os verdadeiros alicerces do noso pobo”.

E de identidade tamén versou o discurso de Manuel Baltar. O xefe do executivo provincial destacou a importancia social e cultural de Ourense ao longo da historia, “un Ourense capital, daquela, do reino suevo, e que hoxe atesoura méritos suficientes para optar a ser Capital Cultural Europea, celebrando en dous anos o centenario da Revista Nós, que da nome a unha xeración intelectual de primeiro nivel, da que tamén debemos presumir”.

Asemade, o presidente da Deputación aproveitou a ocasión para anunciar que entre os anos 2018 e 2019 “centrarémonos na Ribeira Sacra”. Baltar referiuse a esta zona como “un enclave que conta coa maior xoia do período suevo que estamos a relanzar en San Pedro de Rocas, concello de Esgos”. E anunciou que na vindeira ICC Week farán unha programación en Rocas sobre “O fenómeno rupestre en Europa”. Tamén anunciou que no 2019 fará un congreso internacional sobre as orixes do monacato europeo e a Ribeira Sacra e, para rematar coa partida de anuncios, aseverou que a Deputación vai colaborar co Bispado “para realizar traballos de prospección en Santa María Nai na procura de novidades arqueolóxicas”.

O encargado de pechar a quenda de discursos foi o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que comezou asegurando que “Manuel Baltar debería de ser o rei suevo lexítimo” por organizares esta mostra. O presidente dixo desta mostra que “contemplala permite dar luz sobre unha parte da nosa existencia da que apenas tiñamos datos”. Feijóo fixo referencia a que os suevos seguen “aínda presentes nas nosas vidas”, exemplificando coa organización administrativa das parroquias “das que aínda seguimos falando no século XXI”.

Ao rematares os discursos, os asistentes fixeron un percorrido pola sala do “Marcos Valcárcel” para gozar das pezas de “valor incalculable”, dixo Baltar, para logo ir até o santuario de Santa María Nai.

Texto e fotos: Carlos Asensio e cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button