CulturaCulturaÚltima hora

A represión franquista en Valdeorras e noutros concellos, no libro “Os nomes do terror”

Este libro, que foi presentado hoxe no Café Cultural Auriense, fai un compendio de todas as historias de represión durante a dictadura de Franco en distintos concellos de Ourense

O Café Cultural Auriense, en Ourense, acolleu hoxe, 27 de setembro, a presentación do libro “Os nomes do terror. Represores e represión franquista en Ourense”. Publicado por Sermos Galiza.

Un acto no que participaron os creadores desta obra: o profesor de ciencias de educación do campus de Ourense Xosé Manuel Cid, o membro do consello de administración de Sermos Galiza Nemesio Barxa, o coordinador do libro Xoán Carlos Garrido e os coautores do mesmo Julio Prada e Ana Cebreiros, profesores do Campus de Ourense. O volume recolle un extenso estudo do sobre sos represores na comarca de Ourense e dous traballos de Ana Cebreiros e de Julio Prada onde se achegan ao papel da sección feminina da Falanxe e a represión económica.

Segundo asegurou Xosé Manuel Cid na presentación no Auriense, este libro “é algo realmente demandado pola sociedade galega”. Asegurou que “a Memoria Histórica do noso país que aparece nos artigos, na rede e nas opinións está truncada pola imaxe da patria única” reiterando que “nunca se dixeron os nomes dos represores e asasinos”. Por este motivo, sacan á luz esta publicación.

A investigación repara nos responsables da represión nas diversas comarcas de Ourense, con referencias ao acontecido en Valdeorras ou O Ribeiro. Por exemplo en Ribadavia, narran, a represión foi executada polos falanxistas do veciño Castrelo de Miño e en Arnoia polos efectivos da Garda Civil e dun grupo activo de falanxistas agrupados arredor do primeiro alcalde da localidade após o golpe franquista.

Tamén aparece mencionado na investigación o concello do Barco, onde o operativo represivo, aseguran, “foi dirixido por dúas poderosas familias da localidade que teñen un liderado importante nos episodios represivos, mesmo con cárceres nas súas casas”. Outro pobo da comarca que tamén ten o seu espazo neste libro é o da Rúa. Neste apartado relatan como as forzas da Garda Civil xogaron un papel decisivo da represión, destacándose os números desta vila nas campañas de persecución dos fuxidos e episodios represivos no cuartel.

Fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button