DeportesÚltima hora

Retratando a aventura vertical

O Club Alpino Ourensá organiza a súa XVI Semana Audiovisual cunha serie de proxeccións
Cartaz do filme “O eslabón perdido” de Pablo Ces./ Foto: cedida polo autor.
Cartaz do filme “O eslabón perdido” de Pablo Ces./ Foto: cedida polo autor.

Boulder, escalada deportiva e alpinismo. Tres maneiras de retar á verticalidade e de sentir a montaña. Tres vivencias moi diferentes que os protagonistas da XVI Semana Audiovisual do Club Alpino Ourensán compartirán co público os días 26, 27 e 28 de novembro no Auditorio Municipal de Ourense ás 20:30h. A primeira delas será a de Benito Santos “Bendecorme”, un dos referentes do boulder ou escalada en bloque en Galicia. Esta modalidade practícase en penedos de 4-5 metros, sen máis axuda que a propia forza do escalador.

A través do documental “O eslabón perdido”, de Pablo Ces, os participantes nas xornadas poderán descubrir como Santos, percebeiro de Corme, entende o boulder. “Durante este proceso, coñeceremos como é a súa vida, o seu traballo de percebeiro, o seu entorno… e, sobre todo, a súa actividade como escalador”, segundo se indica dende a organización deste ciclo de proxeccións.

Ademais a XVI Semana Audiovisual do Club Alpino Ourensán achegarase á “Escalada deportiva na Cordilleira Cantábrica”. Farao da man de Alberto Castaño Boza o xoves 27 de novembro ás 20:30h. A súa intervención estará divida en dúas partes. Na primeira, relatará as posibilidades que ofrece esta zona de montaña do norte da península para realizar escalada deportiva. De seguido, Castaño Boza, amosará tres “retos deportivos sen parangón” acadados neste mesmo escenario: a escalada das catro caras do Urriellu nun día dende Pandebano ida e volta, a ascensión dos cumios máis altos dos tres macizos de Picos de Europa (Morra Lechugales, Torrecerredo e Peña Santa) no día e, finalmente, a travesía dos Urrieles, ascendendo todos os seus picos de 2.600 metros no día.

O programa destas xornadas completarase o venres 28 de novembro co audiovisual “O valor do fracaso”. Nel Simón Elías reflexiona sobre a necesidade de equivocarse ligándoa ao deporte.

Esta XVI Semana Audiovisual será organizada polo Club Alpino Ourensán co patrocinio especial da Fundación Florencio Álvarez-María Teresa Esteban. Supón unha excelente oportunidade para descubrir as diferentes e fascinantes facianas do montañismo.

Texto: Ángeles Rodríguez
Máis información na edición en papel de novembro do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button