EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Reunión de Galicia Calidade coa agregada de Agricultura da embaixada estadounidense

Entre as empresas asistentes ao encontro estaban varias adegas ourensás e a D.O. Valdeorras
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, na xornada técnica coa agregada de Agricultura da Embaixada de Estados Unidos en España, Rachel Bickford.
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, na xornada técnica coa agregada de Agricultura da Embaixada de Estados Unidos en España, Rachel Bickford.

Co obxectivo de impulsar a busca de novas oportunidades de negocio para as compañías galegas nos Estados Unidos, a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, participaban o 10 de xuño en Santiago nun encontro de empresas que contan con este selo de garantía coa agregada de Agricultura da embaixada deste país, Rachel Bickford.

Nesta cita estaban tamén presentes unha vintena de empresas e organismos dos sectores lácteo, conserveiro, pesqueiro ou vinícola, entre outros. No decurso do encontro, Bickford informaba sobre as condicións de Estados Unidos para introducir produtos agroalimentarios doutros países. As exportacións das empresas de Galicia ao mercado estadounidense sumaron en 2014 un total de 567 millóns de euros, un 28% máis que o ano anterior, o que confirma o interese das empresas galegas por entrar neste mercado, ao que exportaron 776 compañías da comunidade.

Un dos momentos desta xornada técnica celebrada en Santiago.
Un dos momentos desta xornada técnica celebrada en Santiago.

Un total de 42 empresas do sector agroalimentario galego contan co selo de Galicia Calidade, varias das cales participaron no encontro desta mañá, como Estrella Galicia, Ingapán, Coren, Luís Escurís Batalla, Adega dos Eidos, Adegas Valdés, Vilarvín, Granjas Campomayor, a valdeorresa Bodegas Ruchel, Gargalo (DO. Monterrei), Grupo HGA, Lácteos Anzuxao, Kiwi Atlántico, ou A Pementeira, entre outras, así como varias denominacións de orixe coma a de Valdeorras ou San Simón da Costa.

Trala xornada técnica, a agregada de Agricultura de Estados Unidos ten previsto visitar entre os días 10 e 11 de xuño varias empresas amparadas por Galicia Calidade, e o día 11 manterá un encontro coa conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana.

Artigos relacionados

Back to top button