PolíticaÚltima hora

Reunión do comité de campaña do PP no Barco

No encontro concretábanse os actos da campaña das eleccións xerais previstas para o 20 de decembro

Alcaldes, portavoces e presidentes locais do PP en Valdeorras mantiñan un encontro na tarde do 6 de outubro na sede local deste partido no Barco no marco das reunións que a formación provincial está a celebrar nas sete xuntas electorais de zona de Ourense.

Así á reunión, presidida polo coordinador de campaña do PP de Ourense (PPOU), Rosendo Fernández, asistían representantes populares nos concellos do Barco, A Rúa, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, Petín, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras. Tamén estaba presentes o deputado no Congreso, Celso Delgado Arce, e a deputada autonómica Jackeline Fernández Macías; ambos ourensáns. Durante a xuntanza abordábanse os actos que se levarán a cabo de cara á próxima campaña das eleccións xerais, previstas para o 20 de decembro.

Asemade a reunión servía para avanzar na “futura reorganización comarcal co obxecto de fixar retos que unan aos concellos desde unha perspectiva supramunicipal, entre outros aspectos no ámbito da cooperación en materia de servizos”, segundo se informa dende o PPOU.

Neste mes de outubro o PPOU proxecta realizar outras cinco reunións na provincia, en concreto, cos representantes do partido nas restantes xuntas electorais de zona: Bande, O Carballiño, Ribadavia, Trives e Verín.

Fotos: Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Back to top button