OurenseÚltima hora

Ribadavia expresa o seu malestar polos cambios nos horarios do bus na comarca

O Concello di que son moitas as “persoas afectadas” pola modificación nos horarios das liñas que van dende Ribadavia a Ourense e a liña A Cañiza-Ribadavia
Exterior do Concello de Ribadavia.

Dende o Concello de Ribadavia vén de emitirse unha nota de prensa na que se manifesta o seu malestar polos “cambios nos horarios de autobuses que afectan á nosa comarca”. Tamén se fala de “desmantelamento do servizo público da Galiza do interior, que resulta perxudicado unha vez máis. Anteriormente afectados coa supresión nas frecuencias do horario de tren. O noso Concello, entre outros, está sendo inxustamente tratado, con sevizos públicos precarios e estacións mortas debido á supresión de liñas e horarios”.

Noelia Rodríguez, concelleira de Benestar Social de Ribadavia, apunta que “son moitas as persoas que se viron afectadas estes días polos cambios nos horarios das liñas que van dende Ribadavia a Ourense, e a liña A Cañiza-Ribadavia (procedente de Vigo)”. E matiza que se trata de persoas que traballan na cidade “e teñen que entrar ás 8 da mañá, persoas con citas médicas, revisións ou consultas nos diferentes centros sanitarios da cidade, ou ben aquelas que teñen familiares ingresados no hospital. Se por algún motivo teñen que facer algunha xestión na capital, non van ter o servizo que necesitan. E de cara ao novo curso os estudantes tamén estarán afectados”.

Tamén resalta que os veciños de Carballeda de Avia “están duramente afectados/as, ao suprimir o horario de regreso da liña que cubre o traxecto dende O Carballiño, pasando por todas as aldeas deste Concello, e con destino a Ribadavia, mudando das 12h ás 18h, sen poder facer xestións, trámites por a mañá. Eliminase tamén o servizo dos días 10 e 25, feira en Ribadavia, dando un golpe aos comerciantes”.

Asemade engade que “a liña que vén dende A Cañiza está afectada, e que presta servizo a veciños de pobos que veñen a mercar a Ribadavia e outras xestións.

Noelia Rodríguez asegura que o Concello de Ribadavia “ten realizado xestións ante as diferentes empresas e a Xunta para modificar os horarios en función das necesidades de mobilidade da xente que vive na comarca do Ribeiro”. Incide ademais en que se piden explicacións e, “sobre todo, esiximos solucións inmediatas e información ós veciños e ós Concellos afectados”.

Artigos relacionados

Back to top button