ConcellosÚltima hora

Riós viste de outono para a XXII Festa da Castaña e do Cogumelo

A celebración terá luugar os días 5 e 6 de novembro con actividades para todos os públicos
Rosendo Fernández, María Jesús Álvarez, Nuria Sánchez e Francisco A. Veiga.
Rosendo Fernández, María Jesús Álvarez, Nuria Sánchez e Francisco A. Veiga.

Arrecende a outono no Concello de Riós. A vila viste as mellores galas da tempada da caída das follas para celebrar a XXII Festa da Castaña e do Cogumelo, prevista para os días 5 e 6 de novembro. O evento foi presentado na mañá do mércores 26 de outubro no Pazo Provincial da Deputación de Ourense. A este acto asistiu o vicepresidente do goberno provincial, Rosendo Fernández, o propio alcalde de Riós, Francisco A. Veiga, e as técnicas do Concello, Nuria Sánchez e María Jesús Álvarez.

O programa deseñado para esta festa inclúe actividades para todos os públicos, pero no que destaca unha por enriba de todas: a gastronomía. “É unha festa tradicional do municipio, de referencia gastronómica, que pon en valor dous produtos autóctonos que están a dinamizar a vida económica da localidade”, valorou Fernández, quen tamén resaltou a importancia da cooperación público-privada para levar a cabo este tipo de iniciativas.

A festa dará comezo o día 5 ás 10 horas, con saída ao campo na procura de cogumelos baixo a guía de monitores da Asociación Micolóxica “Os Cogordos-Ourense”. Pola tarde, ás 18:30 horas, haberá unha charla sobre pragas do castiñeiro, impartida por Rafael Vahamonde. Ás 20h, tempo do magosto popular, na praza do Toural. Será organizado pola Asociación de Veciños de Riós e Marcelín cun menú composto por castañas, empanada, panceta, chourizo, bica, pan e bebida.

O día 6 haberá tamén deporte. Ás 9:30h sairá o Tour Ciclista da Castaña, cunha ruta BTT de 47 km. Ás 10:30 horas abriranse no recinto feiral os stands e as exposicións de variedades da castaña, na planta baixa do Multiusos. A media mañá, a música inundará as rúas da man dunha caharanga e da banda de gaitas de Riós. Durante esta xornada tamén se fará entrega dos premios do concurso de fotografía, que “estarán relacionadas coas paisaxes de Riós e quedarán para o uso do Concello”, explicou Sánchez. Ás 13 horas, os veciños poderán degustar produtos típicos como chourizos, castañas, cogumelos e viños, por un prezo de dous euros. Ás 14 horas, entrega de premios do tour ciclista.

Artigos relacionados

Back to top button