En portadaPizarraÚltima hora

Rocío de Frutos pedirá no Congreso o recoñecemento da incapacidade permanente para a silicose de grao 1 na lousa

A deputada socialista por Ourense vén de presentar unha proposición non de lei para o seu debate na Comisión de Emprego e Seguridade Social
Un dos momentos da rolda de prensa celebrada no Barco e na que se presentaba esta proposición non de lei./ Foto: Carlos G. Hervella.
Un dos momentos da rolda de prensa celebrada no Barco e na que se presentaba esta proposición non de lei./ Foto: Carlos G. Hervella.

Era unha das principais demandas que lle trasladaban empresarios do sector da lousa e tamén sindicatos na visita que realizaba o pasado 21 de novembro a Valdeorras. Agora a deputada socialista por Ourense Rocío de Frutos vén de recollela e plasmala na primeira proposición non de lei que presenta na Comisión de Emprego e Seguridade Social do Congreso dos deputados: o recoñecemento da situación de incapacidade permanente nos supostos de silicose Grao I sen enfermidade interconcurrente para o sector da lousa. “Considero que se trata dunha iniciativa esencial e así o plantexei”, destacaba na rolda de prensa que convocaba o 22 de febreiro no Barco, xunto ao alcalde barquense, Alfredo García, e a Aurentino Alonso, secretario da Agrupación do PSdeG-PSOE no Barco.

Rocío de Frutos, deputada socialista por Ourense no Congreso./ Foto: Carlos G. Hervella.
Rocío de Frutos, deputada socialista por Ourense no Congreso./ Foto: Carlos G. Hervella.

Na súa intervención, de Frutos explicaba que “un dos problemas fundamentais que se plantexan no sector é o relacionado coa silicose de primeiro grao sen enfermidade interconcurrente. Neste suposto aplícase o artigo 45 da Orde Ministerial 15 de Abril de 1969, pola que se establecen normas para a aplicación e desenvolvemento das prestacións por invalidez no Réxime Xeral da Seguridade Social, que establece que esta situación non é determinante dunha situación de incapacidade permanente total”.

Ademais dase a circunstancia, matizaba, de que o traballador, segundo se establece tamén por lei, non pode continuar traballando nos casos nos que “como consecuencia dos recoñecementos médicos se descubra algún síntoma de enfermidade pofesional que non constitúa incapacidade temporal, pero cuxa progresión sexa posible evitar mediante o traslado do obreiro a outro posto de traballo exento de risco, levarase a cabo dito traslado dentro da mesma empresa”. Sen embargo, no caso do sector da lousa non existe un traballo alternativo exento de po, “entón á empresa non lle queda outro remedio que rescindirlle o contrato. Por iso o que se plantexa nesta proposición non de lei é que a silicose de primeiro grao sen enfermidade interconcurrente se recoñeza como unha incapacidade permanente total para a súa profesión habitual na lousa, garantindo ademais a vixilancia da saúde do traballador a través do Sistema Público de Saúde”.

Nave de lousa./ Foto: Carlos G. Hervella.
Nave de lousa./ Foto: Carlos G. Hervella.

A deputada socialista tamén propón no texto da proposición non de lei cómo se podería sufragar ese custe: modificando o “Real Decreto 2930/1979 de 29 de Decembro polo que se desenvolve a tarifa de primas para a cotización á Seguridade Social polas continxencias de accidentes de traballo e enfermidades profesionais correpondentes á actividade de extracción e transformación de minerais e no correspondente á IMS”.

Ao seu carón, o alcalde barquense, Alfredo García, destacaba a importancia desta proposta que busca dar resposta a un problema que afecta a traballadores e a empresarios. “É unha situación moi difícil para o traballador que se queda sen traballo, moitas veces con fillos ao seu cargo, e tamén para as empresas, que perden a eses bos traballadores, pero a saúde laboral ten unhas normas moi estrictas”.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button