ConcellosÚltima hora

A Rúa inaugura este sábado a exposición sobre Florencio Delgado Gurriarán

A mostra, parte do proxecto “As letras de Florencio”, permanecerá aberta ata o 7 de xaneiro no Centro Cultural Avenida

O Centro Cultural Avenida da Rúa acollerá neste Nadal, a exposición “Florencio Delgado Gurriarán, bebedeira de ensoños”. Unha das iniciativas incluída no proxecto cultural “As letras de Florencio” co que se reivindica o Día das Letras Galegas para o literato valdeorrés.

A presentación tiña lugar no Concello da Rúa na mañá do 14 de decembro por parte do alcalde Luis Fernández Gudiña, da directora do proxecto Débora Álvarez e do concelleiro Avelino Fernández e nela adiantáronse datos da mostra. Inaugurarase este sábado 16 de decembro ás 20h. e estará formada por un total de 25 paneis que recollen a vida e obra do autor de Córgomo. “Deste xeito recollemos a testemuña do Barco onde xa estivo hai uns meses”, explicou o alcalde, engadindo que poderá visitarse ata o 7 de xaneiro de 16:30 a 19:30h. “excepto os días 25 de decembro e 1 de xaneiro que estará pechado”. Ademais, na vindeira semana haberá visitas guiadas para os estudantes dos centros escolares da Rúa (Manuel Respino, Instituto e Pablo VI-Fátima).

A exposición é obra de Ricardo Gurriarán, biógrafo de Florencio Delgado e a propia Débora explicou que haberá certas variacións con respecto á exposta no Barco. “Na biblioteca temos moito material que dixitalizamos para traer á Rúa e ademais incluiremos notas e publicacións para facer un percorrido pola historia máis recente do autor, así como dos actos reivindicativos que se levan facendo dende hai anos”. Tamén haberá un espazo para rexistrar a novos socios da “Irmandade de Florencio”, un club de colaboradores que axuden a dar visibilidade ao proxecto.

Durante a inauguración este sábado, tamén se presentará a páxina web oficial do proxecto.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button