Co obxectivo de fomentar o ciclismo de montaña, o turismo de natureza e a promoción termal, gastronómica e cultural da provincia, nacen as primeiras rutas de BTT por etapas “Tracks de Ourense”, que discorren por 21 concellos ao longo de máis de 350 quilómetros.
A iniciativa, pioneira en Galicia, era presentada na mañá do 15 de xullo no Pazo Provincial coa participación do asesor de Cultura da Deputación de Ourense César Fernández, do responsable de Tracks de Ourense Raúl Fernández, do representante comercial de Oca Nova Manzaneda Luis Ignacio Pereira, da xerente do Consorcio do Turismo da Ribeira Sacra Alexandra Seara, e do xerente do Inorde José Manuel Rodríguez.
Segundo explicou o responsable de Tracks de Ourense, as rutas teñen dous percorridos diferentes. A primeira delas, de 3 e de 6 días, habilitada todo o ano, consta de 105 quilómetros percorrendo a Ribeira Sacra, os Milagros e o Val de Maceda. A segunda, a máis esixente dende o punto de vista deportivo, ten 250 quilómetros de percorrido e discorre por 21 concellos da provincia de Ourense, habilitada para realizarse entre os meses de marzo e novembro, “xa que ao discorrer por zonas de montaña non se pode realizar nos meses de inverno”. Ámbalas dúas rutas están incluídas nas rutas tracks nacionais.
Os interesados en informarse e inscribirse nestas rutas pódeno facer a través da web: www.tracksdeourense.com, ou ben no teléfono 616 667 446. Están organizadas por Bilurico Bike coa colaboración da Deputación de Ourense, O Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e OCA Nova Manzaneda.