EconomíaEconomíaÚltima hora

SabadellGallego promove no Barco unha campaña para dinamizar o comercio

A iniciativa, que conta co apoio do Concello do Barco, desenvolverase entre o 1 e o 30 do vindeiro mes de novembro
Representantes do Concello do Barco e do SabadellGallego na reunión mantida a finais de setembro.

“Cremos no Barco” é o lema da campaña que o banco SabadellGallego, en colaboración co Concello do Barco, porá en marcha ao longo do vindeiro mes de novembro para dinamizar o sector comercio e o consumo da vila. Nesta campaña promocionarase a imaxe desta localidade para animar aos cidadáns a realizar compras nos comercios de proximidade.

Os establecementos que se adhiran á promoción poderán ofrecer aos seus clientes participar nun sorteo cuxo premio será unha tarxeta regalo de 1.000 euros para canxear nos negocios que formen parte da campaña, segundo se informaba tras a reunión que mantiñan a finais de setembro o alcalde do Barco, Alfredo García, e a concelleira de Turismo, Irene Dacal, co director rexional Galicia Sur de SabadellGallego, Adolfo García-Ciaño, e con outros directivos da entidade no Concello.
No marco da campaña banco instalará unhas urnas nos locais que se sumen a ela para que os clientes poidan depositar os seus boletos de participación no sorteo ao realizar as súas compras. Ademais sortearase un premio de 1.000 euros entre os comercios participantes.

Por outra banda, o SabadellGallego tamén prevé outra acción dentro da mesma campaña. Trátase da distribución gratuíta entre os clientes do banco de 3.500 bolsas ecolóxicas cun lema que porá en valor o comercio local. “O obxectivo é activar o crecemento económico no Barco e animar á xente a que frecuente os seus comercios para desfrutar duns servizos de proximidade e calidade. En definitiva, é contribuír a xerar unha inercia positiva que beneficie aos comerciantes do Barco e á toda a cidade”, segundo se indica dende esta entidade bancaria.

Artigos relacionados

Back to top button