EconomíaEconomíaÚltima hora

Seis galardoados nos XXIV Premios de Publicidade en Galego

Recoñecen o traballo a prol da normalización lingüística por parte de empresas e entidades que publicitan os seus produtos en galego

A entrega dos XXIV Premios de Publicidade en Galego tiña como escenario o Parlamento de Galicia na mañá do 17 de novembro. Estes galardóns recoñecen o traballo a prol da normalización lingüística por parte de empresas e entidades que publicitan os seus produtos en galego nos medios de comunicación, así como das axencias que elaboran os anuncios para elas.

Na modalidade de Internet, o premio recoñecía o anuncio “A túa compra, os teus de temazos”, de Gadisa Retail, SLU, elaborado e presentado pola Axencia Nasas, Axencia Creativa de Márketing Online. Recolleron o premio José Luís Fernández Astray en representación de Gadisa e Samuel Lema París en nome de Nasas.

Na categoría de radio, o traballo premiado foi “Medo a quedar sen datos”, de R Cable e Telecomunicacións de Galicia SA, elaborado e presentado pola axencia Bap&Conde. Recolleron o galardón Alfredo Ramos González, pola primeira, e Trinidad Corral pola segunda. O premio na modalidade de televisión recaeu no anuncio “Imposible sen ti”, de Abanca Corporación Bancaria, SA, elaborado e presentado por Tex 45 Producións SLU. Recolleron o galardón Jorge Mahía Cedeira por Abanca e Manuel López Cernadas por Tex 45.

Os seis galardoados (empresas anunciantes e axencia autora do traballo) recibiron un certificado acreditativo e mais unha peza de cerámica de Artesanía de Galicia, creada expresamente pola artista Susana Amado, do taller Terralume, titulada “Acento con Acento”, alegoría da publicidade. Estes premios están convocados pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, polo Parlamento de Galicia e polo Foro Enrique Peinador.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na entrega de premios, onde recoñeceu “o valor da publicidade en galego, non só para espallar unha imaxe de calidade e de proximidade do produto que busca vender, senón tamén para facer presente o idioma en diferentes espazos e soportes de difusión moitas veces masiva”.

Na entrega dos XXIV Premios de Publicidade en Galego tamén se contaba coa asistencia de Miguel Ángel Santalices Vieira, presidente do Parlamento de Galicia; Xosé González Martínez, presidente do Foro Enrique Peinador, e ods representantes das empresas anunciantes e axencias de publicidade premiadas.

Os Premios de publicidade en galego foron creados en 1993 polo Consello Asesor de RTVE en Galicia e da CRTVG coa intención de promover a publicidade na lingua propia de Galicia para radio e televisión nun momento en que esta era unha práctica aínda residual. A partir do ano 2001 comezou tamén a haber distincións para a publicidade en Internet.

Tras a aprobación do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020, é a Secretaría Xeral de Política Lingüística, acompañada do Parlamento de Galicia e do Foro Enrique Peinador, quen toma a remuda para convocar a edición XXIV, dirixida a recoñecer traballos realizados ao longo do ano 2016.

As bases mantiveron os criterios de calidade lingüística e de orixinalidade que se viñan empregando para valorar estes premios, así como un xurado con membros pertencentes tanto aos ámbitos da comunicación e da publicidade, como ao institucional e ao asociativo.

Artigos relacionados

Back to top button