Monográfico Entroido 2012Monográficos

Sentimento feito baile

As danzas das mázcaras e o intenso toque dos folións protagonizarán o Martes de Entroido na vila
Foto: Ángeles Rodríguez
Foto: Ángeles Rodríguez

Coas primeiras saídas do folión e a preparación dos lardeiros encétase cada ano o calendario do Entroido no municipio de Manzaneda. Ademais homes e mulleres reuniranse en torno á mesa. Os primeiros, o 10 de febreiro coa Cea do lardeiro (organizada pola Asociación Cultural Peña A Lardeira) e unha semana despois, o 18 de febreiro, farano elas coa Cea da lardeira (da man da Asociación de Mulleres Algueirada).

Un calendario no que a data principal será a do Martes de Entroido, día 21 de febreiro. Nesa xornada a vila congregará aos folións dos diferentes pobos do concello nun desfile no que tamén acostuman a participar os do veciño concello de Trives.

A partires das once e media da mañá as rúas de Manzaneda acollerán algunhas das expresións máis xenuínas do Entroido do oriente ourensán, entre as que destaca a danza das mázcaras, figuras centrais deste carnaval de montaña, que foi declarado de interese turístico galego no 2008.

O ritual principia coa tradicional petición de permiso. Un dos membros dos folións solicita en verso licencia para dar a ronda. Tamén en verso, un representante da vila dalle o plácet. A partir de aí, as mázcaras fan soar as súas chocas e, tras elas, estoupa o ritmo ancestral do folión a través do son das cornas, gaitas, caixas, bombos, aixadas e ata algunha caracola.

Tres son os fulións de Manzaneda que levarán o seu toque á vila: os de San Martiño, o da Mourela pa’ ca e o de Langullo. Malia que a súa esencia é semellante, presentan particularidades tanto na vestimenta das mázcaras como na súa danza e, por suposto, no toque.

Texto e foto: Ángeles Rodríguez
(Máis información na edición en papel do periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button