CulturaCulturaÚltima hora

Serxio Pazos, o afiador 2.0, leva o seu humor ao Barco, Vilamarín e Viana

O actor ourensán comezará a súa xura o 25 de xuño en Castrelo de Miño e proseguirá por estes concellos así como por Cea, Montederramo, Celanova e Verín
Serxio Pazos e Manuel Baltar.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o actor Serxio Pazos presentaron hoxe, 13 de xuño, no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” o espectáculo de monólogos “Afiando con humor”, no que Serxio Pazos converterase nun afiador 2.0 durante 90 minutos, e analizará a actualidade a través da súa mirada irónica e retranqueira. A xira por diferentes auditorios da provincia (agrupados na Rede Provincial de Auditorios) comeza o 25 de xuño en Castrelo de Miño e proseguirá en Vilamarín, Cea, Montederramo, Celanova, O Barco, Viana e Verín.

Manuel Baltar dixo que se trata dun “espectáculo no que ten protagonismo o símbolo estrela da nosa cultura e que forma parte do noso ser: a roda de afiar”, e destacou a importante pegada mediática de Serxio Pazos, un actor vinculado ás características ourensás, “creativo, traballador e emigrante, que non esquece as súas orixes e que ademais presume delas”.

Pazos explicou que “Afiando con humor” forma parte dunha triloxía de monólogos “que comecei no ano 2008 e na que agora recollo o mellor dos dous monólogos anteriores, e está dedicado a Ourense, a través da figura dos afiadores, os mellores contadores de historias”. Detallou que o espectáculo comeza cun Serxio Pazos “afiador do século XX, para acabar sendo un afiador 2.0”.

Este “afiador monologuista” fará, durante os 90 minutos de función, crítica con humor do que está a suceder no país, abordando temas como “por qué os galegos somos distintos, por qué están de moda os monólogos, entre outros, convertendo o monólogo nun espectáculo aberto e moldeable, interactivo co público”, sinalou o actor.

Artigos relacionados

Back to top button