En portadaFestas do Cristo O BarcoGalerías de fotos

Solange Pereira e Saúl Ordóñez, vencedores da Milla do Barco

Multitude de público seguía cada unha das probas desta cita incluída no calendario da Federación Española de Atletismo

Centos de atletas, dende meniños de apenas tres anos ata veteráns, tomaban a saída na XXIX Milla do Barco, proba do calendario español, na tarde do 13 de setembro no Malecón. Nesta edición, que lograba sortear a chuvia, os primeiros en percorrer o circuíto eran os atletas das categorías inferiores. Íanse sucedendo as carreiras (tanto masculinas como femininas) de benxamíns, alevíns, infantís, cadetes, xunior, veteráns e populares nun trazado ateigado de público.

Durante uns intres a competición interrumpíase para render unha homenaxe aos atletas valdeorreses con mellores resultados durante este ano 2015 a nivel nacional e internacional. Logo dábase paso ás probas dos máis xoves da Milla: os nenos de 7 a 3 anos ou incluso menos.

E, finalmente, chegaba un dos momemtos máis agardados de cada edición: as carreiras absolutas con atletas de primeiro nivel no panorama nacional e internacional. No caso da proba feminina cumpríanse as previsións e Solange Pereira lograba a súa sexta vitoria no Barco, mentres que a valdeorresa Eva Arias, que tras moitos anos volvía a correr coas cores do Adas, quedaba cuarta.

En cambio, na carreira absoluta masculina saltaba a sorpresa. E logo dun final moi axustado e desputado, Saúl Ordóñez lograba facerse co seu primeiro título na proba valdeorresa, mentres que Daniel Arce quedaba segundo e o vencedor da pasada edición, Víctor García, terceiro.

Esta XXIX Milla do Barco, que contaba co asistencia do presidente da Federación Galega de Atletismo (FGA), Isidoro Hornillas, foi organizada polo Club Adas en colaboración co Concello do Barco e coa Delegación Valdeorresa da FGA.

Fotos: Carlos G. Hervella/ Ángeles Rodríguez
Máis información na edición en papel de outubro do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button