Especial NadalMonográficos

“Somos un sector innovador”

Antonio Garaloces, presidente da Asociación de Balnearios de Galicia
Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella

O sector termal constitúe unha referencia dentro da industria turística galega. Sobresae polo seu dinamismo económico, calidade e capacidade de innovación, pero tamén polo seu potencial de crecemento no exterior, xa que a oferta termal galega é, “tras o Camiño de Santiago, o produto turístico da comunidade con maior potencialidade internacional”, asegura Antonio Garaloces, que dende finais de xuño preside a Asociación de Balnearios de Galicia. Cara eses eidos continúan dirixídonse os esforzos desta entidade que agrupa a 19 dos 21 balnearios galegos.

¿Que expectativas ten o sector termal galego para o 2014 en canto a actividade económica?

Resulta moi complicado falar de expectativas co actual esceario de crise. O 2013 foi un ano moi difícil para o sector debido á caída do turismo nacional, xa que máis do 80% dos nosos usuarios son de procedencia galega ou de comunidades próximas (Asturias, Castela e León, e Madrid), e apenas contamos con clientela internacional. Poderiamos darnos por satisfeitos se no 2014 conseguiramos manter o número actual de postos de traballo.

¿Cales son os principais proxectos que ten agora en marcha a asociación ou que pretende impulsar de cara ao vindeiro ano? ¿Algún deles está relacionado con accións de internacionalización?

O principal proxecto que ten a Asociación de cara aos vindeiros anos é o de manter e consolidar a Cátedra de Hidroloxía Médica na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. Cremos que é un proxecto estratéxico, por canto consideramos que cómpre un intenso labor divulgativo sobre a acción salutífera dos balnearios para que podan cumprir a súa función de promocionar hábitos de vida saudables e proporcionar calidade de vida aos termalistas. E para este labor é preciso que as vindeiras promocións de médicos saiban qué son as augas minerais, para qué tratamentos se pode prescribir cada tipo delas e que cada balneario ten unha especialidade intimamente relacionada coa composición das súas augas mineiro-medicinais.

Con este obxectivo, a Cátedra de Hidroloxía Médica U.S.C.-Balnearios de Galicia (dirixida polos doutores Gestal e Rodríguez Míguez, e coordinada pola doutora Fernández Marcos) vén desenvolvendo dende o ano 2010 diversas accións. Estas actividades abranguen a actividade docente de grao, posgrao e formación continua, a actividade investigadora e o fomento de vocacións profesionais na materia. En canto á internacionalización, segue a ser unha asignatura pendente malia que a oferta termal galega constitúa, despois do Camiño de Santiago, o produto turístico galego con maior potencialidade internacional. Actualmente estamos a traballar en dous proxectos destinados a outros mercados europeos, como son o francés e o dos países nórdicos. Mais somos conscientes de que se trata de proxectos a longo prazo que precisan contar tanto con socios axeitados (maioristas nos países de orixe, axentes receptivos en Galicia…) como con condicións que nos permitan competir en igualdade con outros destinos (boas conexións aeroportuarias, promoción segmentada e dirixida a público obxectivo…).

Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Carlos G. Hervella
(A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button