SanidadeÚltima hora

Sonoro Maxín ou os Delinqüentes tocarán na Gala Contra o Cancro en Ourense

O evento celebrarase o vindeiro sábado, 2 de decembro, no Auditorio Municipal da capital
Rubén Riós, Dora Gómez e David Rodríguez. // Foto: Carlos Asensio.

A Gala Contra o Cancro de Ourense celebra o vindeiro sábado, 2 de decembro, a súa quinta edición. O evento celebrarase no Auditorio Municipal de Ourense “e esperamos volver enchelo como nas catro edicións anteriores”, dixo a presidenta da delegación ourensá da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), Dora Gómez, na presentación da cita hoxe, 23 de novembro.

O obxectivo da celebración desta gala é recadar fondos para a AECC, que este ano irán destinados, dixo Dora Gómez, ás “achegas económicas para diagnosticados de cancro”. A AECC ten, explicou a presidenta, un servizo de axudas económicas para os diagnosticados de cancro “xa que durante certo tempo sofren unha merma nos seus ingresos debido ás baixas laborais”. Estas achegas son complementarias ás axudas económicas achegadas polas administracións e teñen unha durabilidade de un a seis meses.

No eido do cartel, os artistas convidados para esta quinta edición son O Sonoro Maxín, banda de música ourensá que compartiu escenario con grandes da música como Manu Chao ou Los Delinqüentes,  e que presentará as cancións do seu novo álbum “Sete Dezasete”. Outro dos artistas convidados é Miguel Arias, tamén de Ourense. Xestreu e Mago Macro completan este cartel musical. A danza vai estar presente da man da Escola de Danza Nati Fleta-Coppelia e o Centro Deportivo Moovet.

O actor ourensán Rubén Riós e Xacobe Bruña, xoven promesa do espectáculo, van ser os encargados de conducir o evento. Riós tamén estivo na rolda de prensa de presentación e quixo salientar “a resposta da xente xoven” con este evento e asegurou que o reto deste ano é “facer crecer a fila cero” para “subir os 20.000 euros que recadamos na pasada edición”. A mesma chamada á solidariedade fíxoa o organizador da cita, David Rodríguez, que apuntou que o obxectivo é “conseguir que estes eventos sitúen a Ourense como capital cultural”.

En total hai dispoñibles 900 entradas e xa están vendidas ao redor de 500. O prezo das mesmas é de 5 euros en venda anticipada e 8 no despacho de billetes. As entradas pódense adquirir na propia sede da Asociación Española Contra o Cancro en Ourense, na rúa Curros Enríquez, así como en diferentes puntos de venda da cidade. Para poder colaborar coa “fila cero” só é necesario facer a achega económica ao número de conta ES68 2080 0475 5630 4000 0077.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button