CulturaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

Sons tradicionais nos cumes de Manzaneda

A estación de montaña acolleu unha nova edición do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas

Un ano máis, nunha mañá marcada pola néboa e fortes rachas de vento (malia estar a 26 de xullo), os cumes de Cabeza de Manzaneda acollían o Certame celtibérico de bandas de gaitas “Memorial Gabino García”, organizado polo Concello de Manzaneda e promovido pola Deputación de Ourense que chegaba á VI edición.

Ao longo da mañá, polo recinto de actuacións pasaron doce bandas de gaitas de Ourense e Navarra: Preparatorio, TriFixo, Concello de Vilariño de Conso, Flariz-Monterrei, “Os Xuncos” Xunqueira de Espadanedo, Concello de Verín, Concello de Riós, A Carballeira, Nova Era, Real Xuvenil, Centro Galego de Navarra e Concello de Manzaneda.

A Banda de Gaitas de Manzaneda, foi precisamente a encargada de pechar o acto coa interpretación do himno do antigo reino de Galicia na ofrenda floral a Gabino García, promotor do encontro de gaiteiros na estación de montaña.

O acto incluíu a actuación de Pol Lari de Cataluña e o concurso de gaiteiros solistas que gañaban Daniel García da B.G. do Concello de Manzaneda na categoría de adultos (Diego Prieto foi segundo e Álvaro Rúa terceiro); e Sarai González na categoría infantil (Paula Fernández era segunda).

O encontro musical nos cumes de Manzaneda, que algúns aproveitaron para pasar a mañá de romaría, remataba coa entrega de diplomas e medallas aos asistentes.

Máis información na edición en papel do periódico O Sil.
Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button