EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

Sumilleres austríacos proban os viños de La Perdida, en Larouco

Esta adega caracterízase polo traballo en viñedo sen usar produtos químicos e pola elaboración de viños naturais

No decurso dunha viaxe que un grupo de 17 sumilleres austríacos está a realizar por Galicia (organizado pola empresa alemá especializada en enoturismo Knulps Reisen), achegábanse o 21 de outubro ata a adega La Perdida, en Larouco. Alí coñecían o seu compromiso coa “elaboración de viños naturais, o traballo na viña coa mínima intervención, sen usar ningún tipo de produto químico, a fermentación da uva e a súa crianza en tinaxas de barro e o non uso de aditivos durante a elaboración do viño”, explica o responsable de La Perdida, Ignacio González.

Tamén cataban dous viños desta adega: un garnacha tintoreira da zona de O Poulo (que aínda está en barrica) e “Proscrito”, un clarete cun 95% da variedade jerez e un 5% de garnacha tintureira. Despois, o grupo trasladábase ata Valencia de Sil, onde coñecían unha cova e quedaban abraiados polo seu interior. Alí probaban outros tres viños de La Perdida, acompañados con empanada e xamón asado: un godello 2015 (con 8 horas de maceración e fermentado en tinaxa de barro), un garnacha tintureira cun 30% de mencía chamado “O Trancado” e “A Mallada”, con garnacha tintureira e sumoll, unha uva catalá. Ignacio González destacaba a boa acollida que tiveron estas elaboracións entre os profesionais da hostalaría autríacos.

O responsable desta adega tamén sinala que os seus viños están tendo unha gran aceptación no mercado internacional. Nestes momentos comercializa en once países, se ben os seus principais mercados son os “EEUU, Canadá, Dinamarca, Francia, Italia, Reino Unido e Australia”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button