ConcellosÚltima hora

Tapas de cogomelos e xornadas micolóxicas en Trives na segunda fin de semana de novembro

Tapa micolóxica dunha edición anterior deste certame trivés.

 

Do 10 ao 12 de novembro o Club Montaña Trives organizará as XVIII Xornadas Micolóxicas, que se complementarán, por terceira edición consecutiva, cun concurso de tapas feitas con cogomelos. O programa desta dobre cita comezará o 10 de novembro ás 18h. co citado concurso gastronómico, que finalizará ás 15h. do día 12. Nesta edición participarán dez locais de hostalaría da vila que ofrezarán tapas de cogomelos a 1,5 euros: San Martín, Bodegón, Casanova, Quintela, Sky, O Paíño, Cantina do Catro, Boliche, O Lar de Alicia e Os Manolos.

Paralelamente a este circuíto de tapas, desenvolveranse as Xornadas Micolóxicas. Principiarán o sábado día 11 ás 9:30h. cunha charla no Auditorio Julio Vázquez a cargo da Asociación Micolóxica Os Cogordos de Ourense. En torno ás once da mañá está prevista unha saída ao monte para recoller cogomelos, logo entre as 16h. e as 18h., procederase á entrega dos exemplares recollidos no patio interior da Casa Grande de Trives para, posteriormente, realizar a súa identificación. Ademais ás 21:30h. servirase unha cea gourmet a base de cogomelos no Hostal Restaurante La Viuda da vila. O prezo das entradas é de 25 euros e poranse á venda na Cafetería Sky e na Cervexería Boliche ou ben no correo club.montana.trives@gmail.com.

Cos exemplares recollidos na xornada montarase unha exposición que poderá visitarse o día 12 de 10h. a 13:30h. no patio interior da Casa Grande. O programa concluirá ás 17h. coa entrega de trofeos aos locais ganadores do concurso de tapas e co sorteo de agasallos para o xurado popular.

 

Artigos relacionados

Back to top button