OurenseÚltima hora

Teatro en inglés para escolares no Auditorio

Afundación achega a Ourense a obra “Spinderella” da man da compañía Blue Mango Theatre
Un acto da obra "Spinderella".
Un acto da obra “Spinderella”.

Mañá mércores 21 de xaneiro, ás 10 e ás 12h. o Auditorio Municipal de Ourense acollerá a obra “Spinderella” por parte da compañía Blue Mango Theatre. Un espectáculo programado pola Fundación Galicia Obra Social ABANCA ao que asistirán máis de 1.000 escolares procedentes de 24 centros da provincia de Ourense.

“Spinderella” é unha versión en inglés e en clave cómica do clásico da literatura infantil “A Cincenta”. Na obra, que está dirixida a escolares de 3º ciclo de Educación Primaria, a protagonista é Cindy, unha moza que quixo ser sempre estrela do pop, pero que non pode acadar o seu soño porque a súa irmá maior, Becky, a obriga a cociñar e limpar durante todo o día. Nesta versión moderna aparece tamén a súa fada madriña, a Raíña do karaoke, quen a inscribe nun concurso de canto no que poderá facer realidade os seus soños, se a súa irmá non o impide. O obxectivo da obra é, ademais de facilitar o achegamento dos escolares ao inglés, presentarlles valores como a importancia de vivir activamente, seguir unha boa alimentación e perseverar á hora de intentar acadar os nosos soños.

A compañía Blue Mango Theatre, está formada por actores profesionais e profesores nativos con experiencia teatral ante públicos non nativos. No seu repertorio ofrece teatro interactivo para escolares co obxectivo de axudar a aprender inglés a través do teatro. Tanto o vocabulario como a temática das obras adecúanse sempre á idade dos alumnos e os actores utilizan recursos como a repetición e os elementos visuais para axudar aos estudantes a seguir a trama. Trátase pois de que a aprendizaxe do inglés sexa unha experiencia “divertida, participativa e enriquecedora”.

Artigos relacionados

Back to top button