CulturaCulturaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

Teatro e moita música na II Festa da Familia na residencia da terceira idade do Bolo

Celebrábase na tarde do 19 de xullo e nela implicábanse nenos e maiores deste pobo

Hai dous anos un conxunto de nenos boleses formaban unha agrupación moi especial: o Club Patatero de O Bolo. Reuníanse para compartir actividades e fomentar a cooperación. E a partir de aí ían xurdindo novas ideas a través da música e do teatro. O proxecto foi a máis, e xuntando a colaboración das familias e tamén dos veciños do Bolo, xurdía a Festa da Familia na residencia da terceira idade desta localidade, que o pasado 19 de xullo chegaba á súa segunda edición.

A partires das catro da tarde o salón de actos deste centro convertíase nun escenario moi especial onde os protagonistas eran os nenos, pero tamén os propios ancianos da residencia. A festa comezaba con dúas obras de teatro: “A visita do inspector” a cargo do Club Patatero de O Bolo e “Felisa e o doutor”, dun grupo de Viana do Bolo.

Despois interpretábanse cancións populares galegas, tiña lugar un baile de nenos e diversas actuacións musicais infantís. Este festival concluía con novas cancións populares ás que se sumaban todos os asistentes, e mesmo había unha actuación dun grupo de maiores da residencia e un concurso de baile.

Resultaba unha bonita e animada xornada de convivencia cos anciáns que incluía tamén unha demostración de dous cortadores de xamón, seguida de degustacións e unha merenda para os participantes ofrecida pola residencia do Bolo da Fundación San Rosendo. “O que se pretende con esta festa é fomentar a amizade, a colaboración e a unión, e vemos que todo o mundo está respondendo con moita xenerosidade e estamos moi contentos do resultado e pensando xa en novas iniciativas de cara ao que vén. A xente está moi ilusionada é iso é moi importante”, asegura Marisa, que ten coordinado as diferentes actividades da festa.

Fotos de Ares Pérez, agás a última da galería.

Artigos relacionados

Back to top button