“Temos que ser proactivos na búsqueda de empresas e traballar na creación da nosa imaxe de marca”

Despois de dous anos como alcaldesa-presidenta do Concello da Rúa, María G. Albert presenta hoxe a súa renuncia no Pleno das 20h.

María González Albert, alcaldesa do BNG na Rúa, na alcaldía. /Foto: Carlos G. Hervella.

Periodista de profesión, pasteleira por vocación e política por convicción, María González Albert (A Rúa, 1977)  tomaba posesión como alcaldesa-presidenta do Concello da Rúa o 13 de xuño de 2015 tralas eleccións nas que a candidatura nacionalista con ela ao fronte conseguía tres concelleiros, logrando un fito histórico: ser a primeira alcaldesa da localidade valdeorresa os dous primeiros anos do mandato, tralo pacto acadado co PSdeG-PSOE que lograba outros tres concelleiros fronte aos 5 do PP. En virtude dese acordo que lle permitiu gobernar o seu concello durante este tempo, e para que o cabeza de lista do PSOE Luis Fernández Gudiña, colla o relevo o vindeiro 24, hoxe 20  de xuño ás 20h. renunciará ao cargo. E farao despois de 24 meses de traballo case constante co desexo de “ter posto un gran de area en cambiar algunhas dinámicas do Concello da Rúa de moitos mandatos atrás, moitas inercias que quixen modificar” .

María asegura que dende dentro as cousas vense distintas pero asegura non ter malas sensacións en xeral. “Había xente que nos vía como o “coco” e comprobou que temos sentido común e tentamos facer as cousas o mellor posible igual que todo o mundo e aí ganámonos a algunha xente, e despois hai outra que estará encantada de que marche. En termos xerais non me vou con mal sabor de boca nese sentido. Fun a primeira muller alcaldesa da Rúe e do BNG algo do que realmente serei consciente dentro dun tempo. A percepción empezaba a tela agora porque dous anos nun Concello é pouco xa que os tempos municipais son lentísimos”.

¿Como foi a experiencia neste tempo? ¿Como valora o traballo co PSdeG-PSOE?
Foi un proceso de aprendizaxe. Levo moitos anos en política e creo que aprendín máis nos primeiros cinco meses na alcaldía que en todo o tempo anterior. Foi unha experiencia boa na maior parte dos seus aspectos e noutros un pouco agridoce, máis frustrante ás veces, porque hai cousas que pudemos facer, cousas que non, cousas que emprendimos e que entendo que se rematarán nestes dous anos de lexislatura que quedan e outras que non fomos quen de empezar. O traballo co PSOE foi ben. Non reunimos a comisión de seguimento do pacto nin unha soa vez nestes dous anos así que entendo que non tivemos grandes problemas. Luis sempre estivo moi pendente, viña practicamente todos os días e foi con quen traballamos máis e sen grandes contradiccións. Hai cousas nas que non estamos dacordo claramente porque somos dúas forzas políticas distintas pero nos grandes temas penso que houbo consenso.

Malia levar moitos anos en política era a súa primeira experiencia municipal. ¿Que ten sido o máis difícil? ¿Con que se queda?
O feito de ter unha única adicación exclusiva moitas veces dificulta o traballo porque houbo xente que estivo moi pendente, como Luis, Avelino (o concelleiro de Deportes), Germán tamén ata que empezou a traballar,… pero o Concello ten moito persoal pero non nos sitios nos que é necesario e moitas veces falta xente á hora de traballar. Máis que dificultades, eu diría que foi un proceso de adaptación. Non houbo nada que eu percibise como moi difícil salvo ter que ganar o respecto polo feito de ser muller. Isto é unha realidade e hai veces que te enfada porque á xente non responde ante ti do mesmo xeito que o faría ante un home. Sobre todo no primeiro ano requería un traballo extra. Polo demais houbo de todo, días que chegaba a casa deprimida porque algo saira mal ou había temas que non podía xestionar, e outros ben. Quedar, quédome con moitas cousas, sobre todo co persoal do Concello co penso que fixemos un bo equipo, en xeral axudoume moito; e tamén coas cousas que puden facer. Espero ter posto un gran de area en cambiar algunhas dinámicas do Concello da Rúa de moitos mandatos atrás, hai moitas inercias que quixen modificar.

¿Algún exemplo?
Pode parecer unha tontería pero por exemplo o feito de explicarlle á xente que se suspendía un campus de baloncesto que ao meu modo de ver non aportaba nada bo para A Rúa a día de hoxe. Foi un tema que houbo que debater, non estabamos todos dacordo, pero creo que ao final foi bo para o Concello, non por ese feito en si, senón polo costume que temos na Rúa de que todo sexa gratis. Isto non pasa nos concellos da contorna ou polo menos non ao mesmo nivel e nese sentido si marcho satisfeita e penso que o PSOE vai continuar por esa senda, porque cada pequeno cambio niso era como un gran logro,  cambiar algo que “sempre se fixo así” e tentar poñer un pouco de racionalidade no resto, algo que vén vinculado ao anterior. Cada vez que alguén quere facer algo o primeiro é ir ao Concello para que o faga el. Era algo tradicional e así estabamos na situación económica na que estabamos. Outro exemplo é que nos últimos catro anos de goberno do PP non se fixera un só pago á Deputación de Ourense cando se trata dun organismo que nos está facendo entre outras cousas, a recollida de lixo cun contrato que este ano foron 245.000 euros. Vas acumulando débeda e nós neste tempo témoslle pagado moitísimo diñeiro. É certo que se trata dun diñeiro que o Concello lle debe pero se sempre se reclamase non estariamos nesta situación, por iso ás veces dá rabia a forma de utilizar as Administracións de forma partidaria. Eu entendo que un partido intente beneficiar aos seus dentro dun orde pero as Administracións están por riba dos partidos e ten que haber un criterio de igualdade de base, e non o hai.

 

A nacionalista deixará a alcaldía hoxe, tralo pleno convocado para as 20h./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

¿Que proxectos ou propostas levaron adiante?
O que intentamos foi centrarnos no control do gasto que igual non é moi visible pero era necesario (cando entrei no Concello estabamos no 91% de débeda viva, agora estamos no 74,03% xa por baixo do umbral e acabaremos o ano se seguimos o plan que así está pensado, no 71% e polo menos estaremos nun rango de legalidade). E despois en cousas fundamentais que ao noso modo de ver eran obrigatorias como o ascensor do Centro de Saúde (custounos un ano falar coa Consellería de Sanidade porque non nos contestaban) cun esforzo moi grande porque tivemos que facer unha aportación do 50%. Tamén levamos a auga a Vilela que era moi necesario e, a nivel de xestión, creo que ao tema cultural prestámoslle unha atención especial a pesar da falta de cine (necesitamos 30.000 euros para un proxector novo), porque o Centro Cultural Avenida, a día de hoxe e malia todos os problemas é unha referencia cultural para nós e fixemos un esforzo para ter unha programación continuada e penso que iso si se viu. E tamén está o tema medioambiental que é a miña área específica e de momento non loce moito pero agora que deixo a alcaldía poderei adicarme máis a iso, foi importante o que fixemos e penso que hai que avanzar na Chopeira (foi un drama o de talar pero hai que seguir facéndoo, iso é unha realidade). O que pedimos ao Agader é para arranxar a Reza e O Aguillón e aínda hai que traballar moito aí.

¿E que lles quedou pendente?
A ordenanza de terrazas. Tiña pensado levala ao último pleno pero non me deu tempo malia que está feita. Só falta pulir un par de cousas e estou segura de que será un dos primeiros temas que se aprobarán en canto entre Luis de alcalde porque é algo no que estamos dacordo e unha necesidade, e máis de cara ao verán. A ordenanza que temos é anterior á Lei Antitabaco e non se axusta á realidade, ademais estase incumprindo sistematicamente, en boa parte por culpa do propio Concello pola tradición de deixar facer. Aínda que sexamos comprensivos coas infraestruturas fixas ou semifixas que existen, ten que haber unha regulación. Xa tivemos unha reunión cos hostaleiros e teremos outra antes da aprobación, e se esas infraestruturas existen teñen que molestar o menos posible, no horario de peche a terraza ten que estar recollida, os toldos teñen que estar levantados para que a xente poda circular pola beirarrúa, ten que haber un espazo de paso suficiente para os peóns,… Outra cousa que é moi importante para o Concello é a existencia dun RPT. Non temos unha Relación de Postos de Traballo, non temos regulada a forma de acceso a cada praza, que funcións ten cada unha, onde fai falta xente e onde non… E outra ordenanza que xa habería que ter aprobado, moi complexa, na que levamos tempo traballando é a do abastecemento e saneamento porque neste Concello non se cobra por darse de alta e baixa á rede. A xente chega no verán e dase de alta, marcha en setembro e dase de baixa sen ningún custe pero a rede hai que mantela, polo que hai que regulalo, e tamén os vertidos. Ademais creo que habería que darlle unha volta ao irmanamento con Almendralejo e fomentar a economía local. Temos que saír do círculo no que estamos e conseguir que se asenten aquí empresas que xeren postos de traballo e riqueza. Aí o Concello ten que facer unha aposta e non só manter a poboación senón volver traer poboación porque senón augúranos un futuro complicado. É un tema complexo pero creo que temos que ser proactivos na búsqueda de empresas e traballar na creación da nosa imaxe de marca.

Dixo nalgunha ocasión que ser alcaldesa era un traballo dos 365 días do ano e practicamente das 24 horas. ¿Cales son os seus proxectos de futuro?
Volverei aos meus pasteles que é un traballo máis ben de fin de semana polo que estou segura de que pasarei moitas horas no Concello, sobre todo no verán polas áreas que levamos (Medio Ambiente, Cultura, Deportes,…). A Baco Festa queda practicamente montada e as festas tamén, así como o resto de programación cultural porque aínda que a responsabilidade última xa non será miña, sobre todo no tema da Baco Festa involucreime bastante e penso que ten que ser a nosa festa de referencia pero ten que mudar. Non ten que ser un evento que organice o Concello senón que xurda unha asociación cultural que se encargue dela co apoio do Concello e temos dous anos por diante para traballar nese sentido. Esta festa terá futuro en tanto en canto a xente da Rúa se involucre nela, e pode ser unha actividade de fin de semana entretida como agora ou derivar nalgo máis cunha programación cultural vinculada, pode crecer.

¿Cal é o problema máis grave que ten A Rúa neste momento?
A día de hoxe o da auga. A 14 de xuño A Rúa non tiña auga e imos ter que poñer a funcionar o bombeo do encoro. Vai ser un verán complicado e resulta moi difícil explicarlle á xente que a auga que se vei non vale porque os criterios da UE cambiaron e cada vez piden máis requisitos. Auga hai pero que sirva para beber non. Hai que resolvelo, por iso o proxecto do que levamos dous anos falando é importantísimo: facer outra captación para sumar á nosa en Riomao. O proxecto nin sequera está redactado porque custa moito pero falamos (Petín e A Rúa que temos unha mancomunidade) con Augas de Galicia, Confederación Hidrográfica e Deputación para que colaboraran, incluso falamos con Larouco. Ese é un proxecto a medio prazo pero ante a urxencia deste ano estamos a falar doutra solución de emerxencia como é poñer bombas en San Fiz. Estamos niso pero o verán preséntase complicado porque a xente non ten conciencia da problemática, pensan que aquí sobra a auga, e non é así.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies