Tenente Coronel Colldefors: “Aumentaron os delitos contra patrimonio, ameazas e de seguridade viaria”

Tanto o Tenente Coronel de Ourense, Manuel Javier Novo Colldefors, como o subdelegado do Goberno na Provincia, Roberto Castro, tiveron palabras para os gardas civís destinados en Cataluña no seu discurso do Día do Pilar

O Tenente Coronel de Ourense, Manuel Javier Novo Colldefors, durante a súa intervención. // Foto: Carlos Asensio.

Como é tradición na Comandancia ourensá da Garda Civil, o acto de celebración contou coa intervención do Tenente Coronel de Ourense, Manuel Javier Novo Colldefors e do subdelegado do Goberno na provincia, Roberto Castro, anfitrións do evento.

O primeiro en intervir foi o Tentente Coronel Colldefors, que arrancou as súas verbas agradecendo a todos os alí presentes “o esforzo que realizan ao quereres acompañarmos neste día da festa nacional de España e da patroa do corpo, a Virxe do Pilar”. O Tenente quixo facer un repaso por todos os logros acadados polo instituto armado na provincia comezando pola Seguridade Cidadá: “Un 17 por 1000 nas taxas de delincuencia e un índice de esclarecemento do 52%”. No eido dos tipos de delitos, Colldefors asegurou que “aumentaron os delitos contra o patrimonio, e un aumento das ameazas e coaccións e aqueles relacionados coa seguridade viaria”.

En materia de Policía Xudicial, o Tenente Coronel destacou dúas operacións: “A operación Christmas”, “na que se desmantelou un activo grupo criminal dedicado ao roubo de vivendas”, dixo, e “A Operación Gaijo”, conta o tráfico de estupefacientes.

En canto aos asuntos pendentes, Manuel Javier Novo Colldefors dixo con rotundidade que “continuamos traballando con tenacidade para resolver os asaltos con violencia ás vivendas”. Tamén fixo balance das persoas desaparecidas na provincia: “39 son as denuncias, dende principios deste ano até o de agora”, aseverou, e reiterou que “dúas delas seguen sen ser atopadas”, en concreto na zona de Trives e Valdeorras. Neste senso, asegurou que “é unha preocupación constante para nós dar unha resposta a esta problemática”.

En materia de incendios forestais, o Tenente Coronel reiterou que un dos principais obxectivos da Comandancia foi “a prevención e a posta a disposición xudicial, no seu caso, dos que os provocan”. En canto aos datos, nesta materia a Garda Civil detivo a 38 persoas “un 76% máis ca o ano pasado”.

Intervención de armas na provincia ou a seguridade viaria foron outro dos temas dos que falou. Neste segundo asunto, Colldefors asegurou que se reduciron o número de falecidos nas estradas nun 45%, así como a taxa de feridos graves e leves, 29% e 10% respectivamente. O Tenente Coronel rematou as súas verbas mandando o seu apoio aos Guardas Civís destinados estes días en Cataluña: “son nove os compoñentes desta comandancia que estiveron comisionados de xeito voluntario até o día 10, e é posible que se leven a efecto novas rotacións de persoal”. Colldefors rematou coa tradicional proclama mandando de “Viva España!, Viva el Rey! e Viva la Guardia Civil!”

Roberto Castro durante a súa intervención. // Foto: Carlos Asensio.

Tras el foi a quenda de Roberto Castro, que arrancou contando a historia de Narváez co Cabo da Gada Civil e a dimisión do Duque de Ahumada. A palabra “lealdade” foi coa que Castro arrancou, parafraseando a Ramón Lull e a Shakespeare asegurando que “para percibila -a lealdade- e seres testemuños evidente da lealdde, basta con estar hoxe ao carón de vostedes, mulleres e homes da Garda Civil”. Referíndose as actuacións deste corpo en Cataluña, Roberto Castro reiterou que “vimos a profesionalidade e o espírito de servizo e a entrega sen reserva da causa”.

Sen saíres das loas á institución, o subdelegado do Goberno asegurou que “España non se entendería sen a contribución exemplar que a Garda Civil foi procurando, dende a humildade, a preservación dos nosos dereitos e deberes e a defensa e a conservación da nosa liberdade”.

Castro falou da “unión da nosa patria”, apelando ao “espírito do 78” que deu lugar á actual Constitución “que segue viva e na que nos atopamos cómodos durante todos estes anos”. Para rematar, Roberto Castro dixo o seguinte: “En calquera misión que teña un axente da Garda Civil. En calquera misión que sirvades. En Ourense ou en Barcelona; en Cádiz ou en Alicante; en Oviedo ou en Algeciras; en misións de paz en Mali, Palestina ou Níxer; nas de Irak, Líbano ou Colombia; nas de Xeorxia ou Kosovo, sabede que os vosos compatriotas vos queren, vos apoian e vos necesitan”. Roberto Castro solicitou ao Tenente que mandase firmes e concluíu a intervención coa proclama, novamente, de “Viva España!, Viva el Rey! Viva a Garda Civil!”.

Texto: Carlos Asensio.

Máis información e fotos sobre os actos do Día do Pilar na provincia nas seguintes ligazóns:

http://www.osil.info/comandancia-da-garda-civil-de-ourense-celebra-pilar/
http://www.osil.info/garda-civil-barco-honra-sua-patroa/
http://www.osil.info/garda-civil-da-rua-celebra-virxe-pilar/

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies