OurenseÚltima hora

Termalismo, comercio e moda, na gala Calpurnia

Con ela abrirase nas Burgas o vindeiro 13 de setembro o programa dos “Encontros Termais”
Imaxe promocional da gala Calpurnia en Ourense.
Imaxe promocional da gala Calpurnia en Ourense.

Luz, cor e moda nun espectáculo que funde as súas raíces no pasado romano da cidade de Ourense e que une ao sector termal, ao comercial e ao textil. Así será a gala do comercio ourensán Calpurnia, que se celebrará o vindeiro 13 de setembro a partires das 21h. nas Burgas.

“É un proxecto de partenariado entre diferentes entidades e institucións públicas, liderado polo Concello e pola Federación de Comercio ourensá, co fin de proxectar a imaxe de Ourense como cidade de referencia no termalismo, na moda e no comercio”, aseguraba o concelleiro de Termalismo, José Ángel Vázquez Barquero, durante a presentación do programa do evento na mañá do 10 de setembro.

Neste proxecto participarán deseñadores, empresas, o comercio ourensán, a hostalaría, así como artistas, marcas galegas e denominacións de orixe. Nel “buscarase a teatralidade cun elenco de artistas, modelos, deportistas, acróbatas, bailaríns, esculturas vivintes e demais persoeiros no marco da piscina termal das Burgas e na súa contorna, acompañados dunha mostra de produtos de empresarios, comerciantes e deseñadores, basicamente, da nosa cidade”, continuaba Vázquez Barquero.

Así ademais de degustacións, mostras de diversos produtos e bebidas e participación de agrupacións artísticas, haberá un desfile de moda “atípico”, animado con ninfas na auga e diversas actuacións, no que se amosarán as diferentes coleccións outono/inverno 2014/2015.

A este acto de presentación asistían, ademais do concelleiro de Termalismo, o presidente da Federación de Comercio de Ourense, Aurelio Gomez Villar e o director de agencia Luena, coordinador do evento, Manuel Angel Varela, así como representantes das asociacións participantes.

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button