EntrevistasÚltima hora

“Traballo con papel decorado e elaboro sobre todo álbumes, personalizados e feitos a man”

Jennifer Doporto García, artesá de scrapbooking, natural da Rúa
Jennifer Doporto García. /Foto: Carlos G. Hervella
Jennifer Doporto García. /Foto: Carlos G. Hervella

Papeis de cores, unhas tesoiras, pegamento, habilidade coas mans e grandes doses de imaxinación e paciencia. Iso é o que Jennifer Doporto García, natural da Rúa, necesita para desenvolver a súa afección, o scrapbooking (gardar os recordos dunha forma distinta), unha técnica de manualidades procedente de EE. UU. que consiste en procesos creativos como o recorte, pegado ou collage para crear unha composición de memorias e recordos a través de fotografías, un entretido pasatempo decorativo que se aplica tamén a cartas, poemas, invitacións… Partindo desas fotos ou papeis de cores revalorízanse os recordos con adornos de todo tipo (pegatinas, botóns, cintas, flores secas, remaches, fíos…) e diversos estilos, dende o máis sofisticado ata o máis sinxelo. Un labor ao que Jennifer leva adicándose dende hai ago máis de tres anos. “Todo empezou despois de ver unha reportaxe na televisión. Pensando en facerlle un agasallo a unha amiga á que tamén lle gustara, empecei a mirar e indagar… En España non hai moito pero en EE.UU. si e a través de youtube e blogs, fun investigando e ao mercar o agasallo para ela tamén merquei algo para min e a partires de aí comecei. Ténseche que dar ben pero é máis poñerse e sobre todo que che guste” di esta xove ruesa, dende o seu “taller” nun local da súa propia casa.

¿Canto tempo lle adicas a esta afección?
Os ratos libres que teño, nada máis. Podo adicarlle dúas-tres horas ao día, depende. Ás veces pola mañá podo estar un bo rato pero como isto é moi minucioso e dá moito traballo, aínda que teña moito tempo avanzo pouco. Por exemplo facer un álbume pode levarme unha ou dúas semanas, dependendo do tempo que teña e do modelo. De todas formas a xente pídenos máis ou menos sinxelos porque senón o prezo sube máis polo material, pero poden facerse moi elaborados. Hai xente que fai cousas marabillosas.

¿Cal é o kit básico de scrapbooking?
O esencial son os papeis decorados e despois, un couter, unhas tesoiras, unha regla para medir e cortar, pegamentos… porque trátase de recortar e pegar. É como un collage adaptado aos tempos actuais. Os papeis son especiais, preparados para que perduren ao longo do tempo que non se estropeen nin cambien de cor.

¿Que artigos fas? ¿Como é o proceso dende que alguén che fai un encargo?
Basicamente álbumes de fotos. A xente que me coñece, cando quere facer un agasallo especial, porque isto non se pode mercar nunha tenda, encárganmo a min e eu fágollo ao seu gusto. O meu é un traballo personalizado por iso sempre pregunto cores, se queren que poña algo especial… Se se trata dun álbume para un neno o primeiro é preguntar polos gustos do cativo, cousas que lle podan chamar a atención e despois curtar en base cartón ás medidas que quero e ir poñendo os papeis. Eu fágoo todo, encadernación incluída. Compro os materias e despois xúntoos e doulles forma. Agora lévase moito personalizar letras, as iniciais dos nomes para poñer de adorno nas habitacións sobre todo dos nenos, con papeis ou pintadas, de diferentes tamaños. Tamén estou facendo marcapáxinas.

Ademais da habilidade coas mans, a inspiración tamén é importante neste traballo.
Por suposto. Hai días en que estás inspirado e sáeche todo rodado e outros en que non sae nada por moitas voltas que lle des polo que resulta mellor deixalo. Non se trata dun traballo mecánico porque como todo é feito a man nunca che saen dúas pezas iguais, por iso é personal e único.

Á parte da base, que son os papeis de cores, ¿con que outros materiais traballas?
Con todo tipo de adornos, selos para estampar, planteis para poder facelas pintadas ou en relive… e todo se pide a tendas especializadas porque sobre todo hai pegamentos que teñen que ser libres de ácido porque senón por exemplo no caso dos álbumes, as fotos estropéanse. Tamén hai moito material reciclado, con cousas que podes atopar en casa, por exemplo as arandelas dos parafusos.

A túa é unha formación autodidacta.
Si, basicamente aprendendo de videos, e tamén fixen algún curso online cos que te inician no proceso e aprendes moitas cousas de xente que xa leva moitos anos facendo isto. Ademais pertenzo a un grupo de scrappeiras españolas cunha páxina de Facebook. Xuntámonos mediante un curso, fixémonos amigas e intercambiamos opinións, amosamos os traballos e demais, tamén nos intercambiamos cousas feitas por nós.

A entrevista íntegra pode lerse no número de novembro da edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button