En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Tractorada na estrada Viana-A Gudiña para pedir axudas polos danos da xeada

Gandeiros, apicultores e agricultores de seis concellos de montaña ourensá participan nesta mobilización

Os graves danos ocasionados polas xeadas na parte oriental da provincia levaban aos agricultores e gandeiros de seis concellos de montaña ourensá (Viana do Bolo, A Veiga, A Gudiña, O Bolo, A Mezquita e Vilariño de Conso) a tomar a decisión de mobilizarse en demanda de axudas e ante a falta de resposta da Administración. Centos de tractores, ademais de pick ups e outros vehículos de uso agrícola saían ás once da mañá deste venres 19 de maio dende Viana e A Gudiña formando unha gran tractorada.

No caso da saída dende a vila vianesa podía verse como a poboación e tamén o sector comercio se volcaba coa convocatoria, xa que practicamente todos os establecementos pechaban as súas portas en sinal de apoio. Eran tamén moitos os veciños que saían á rúa para aplaudir o paso dos tractores e tamén amosaban o seu respaldo á mobilización os membros do equipo de goberno de Viana do Bolo.

Os manifestantes reivindicaban que queren continuar vivindo no rural, cada un realizando a súa actividade: gandeiría, agro, apicultura… Por iso demandan axudas da Administración tras as graves consecuencias derivadas das xeadas. Aseguran que este acto é para que os escoiten e para demostrar que o rural tamén existe.

Para coordinar a saída da tractorada dende Viana establecíase un operativo da Policía Local e da Garda Civil.

Fotos: Carlos G. Hervella

Máis información e fotos no seguinte enlace:

https://osil.info/o-rural-oriente-ourensan-mobilizase-para-facerse-escoitar-ante-os-problemas-ocasionados-pola-xeada/

Artigos relacionados

Back to top button