DeportesÚltima hora

Tres propostas deportivas no marco da Feira do Lázaro, en Verín

Os días 1 e 2 de abril celebrarase un torneo de natación, unha carreira e unha ruta BTT
Presentación da “II edición Especial Deportes do Lázaro”, en Verín.

Natación, atletismo e ciclismo. Son os tres deportes que protagonizan o apartado deportivo programado polo Concello de Verín no marco da Feira do Lázaro prevista para os días 1 e 2 de abril.  “A II edición Especial Deportes do Lázaro, programa tres grandes eventos deportivos, coa finalidade de devolverlle ás Festas do Lázaro o seu antigo esplendor ofertando actividades deportivas, para todas as idades, que incorporen un novo público a estas tradicionais festas”, explican dende o Concello.

A primeira proposta é o tradicional Torneo de Natación do Lázaro, previsto para o sábado 1 de abril ás 10 horas na Piscina Climatizada de Verín. Tal como explicaron na presentación do programa, nesta edición participarán equipos procedentes de diversos puntos da provincia e do norte de Portugal e a convocatoria vai dirixida a nadadores de ambos sexos, sen licenza federativa en vigor, que competirán na categoría de prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, e cadete; nas probas de costas, croll, braza e relevos.

E xa para o domingo día 2, hai programadas dúas actividades deportivas. Por unha banda, ás 10 horas,terá lugar a II Carreira do Lázaro cuxo percorrido discorrerá pola zona da Preguiza, Vilela e o Casco Antigo de Verín para as categorías pitufos, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete. As inscricións poderán formalizarse ata o xoves día 30 ás 23 horas.

Tamén ás 10 da mañá do domingo arrancará na praza García Barbón, a II Ruta BTT das Festas do Lázaro, sobre un percorrido de 47 km (10 horas) de nivel medio. Os participantes contarán con duchas e avituallamento. A maiores da longa, hai outra ruta opcional de 20 quilómetros “enfocada ao goce familiar, que suprime os tramos de maior dificultade”, explican dende o Concello de Verín, engadindo que ao finalizar a proba, en torno ás 16h. na mesma praza e por cortesía de Bicicletas Matías, realizarase o sorteo de material especializado entre  todas as persoas que rematen a proba.

 

Cartel da Ruta BTT da Feira de San Lázaro.

Artigos relacionados

Back to top button