En portada

Trevinca, primeiro destino turístico “Starlight” de Galicia

O Concello da Veiga recibía esta certificación a primeiros de agosto
O presidente da Deputación e o alcalde da Veiga, na presentación de Trevinca como destino turístico Starlight.
O presidente da Deputación e o alcalde da Veiga, na presentación de Trevinca como destino turístico Starlight.

Un dos catorce destinos no mundo que conta coa certificación “Starlight” é Trevinca. Este é un sistema de certificación que é avalado pola UNESCO, pola Unión Astronómica Internacional e pola Organización Mundial de Turismo e que o Concello da Veiga recibía o 4 de agosto. Trevinca é ademais o único de Galicia. Así se destacaba na presentación deste destino astronómico que facían a Deputación de Ourense e o Concello da Veiga na mañá do 25 de agosto en Ourense.

Este recoñecemento como destino turístico Starlight converte a Trevinca, o teito de Galicia, nun lugar visitable con boas condicións para a contemplación de estrelas e que está protexido de contaminación lumínica, sendo apto para acoller iniciativas turísticas relacionadas coa contemplación do ceo, segundo recoñecen dende a Fundación Starlight coa concesión deste certificado. Tal e como asegurou durante a presentación o alcalde da Veiga, Juan Anta, este certificado significa “unha marca de calidade porque no Concello de A Veiga hai un dos mellores ceos do mundo onde ver as estrelas”. Nela estivo acompañado polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e polos asesores astronómicos, Óscar Blanco e Pablo Canedo.

Pola súa banda, Manuel Baltar destacaba as condicións “excepcionais de determinadas áreas do concello de A Veiga para contemplar os ceos estrelados” e isto supón que A Veiga entra nunha dinámica e tamén a provincia de Ourense “dun segmento emerxente do turismo que é o astroturismo ou o turismo das estrelas”.

Ademais, no acto os asesores astronómicos fixeron un repaso polas características quen fan da Veiga un sitio idóneo dende o que ver o ceo estrelado. Entre elas destaca a baixa contaminación lumínica e a súa gran altitude, que fai que a atmósfera amose as súas mellores condicións. Ademais, dende A Veiga, pódese ver a Vía Láctea de lado a lado.

Artigos relacionados

Back to top button