En portadaÚltima hora

Trevinca, terra de mel e cogomelos

Ao redor destes produtos xirarán varias actividades que organizará o Concello da Veiga a finais de outubro
Cogomelos./ Foto: Carlos G. Hervella.
Cogomelos./ Foto: Carlos G. Hervella.

Están moi ligados á montaña e destacan polo seu valor gastronómico. Nos cogomelos e no mel centraranse unha serie de actividades que o Concello da Veiga, situado aos pés de Trevinca (o teito de Galicia), desenvolverá nos vindeiros días.

Nas mañás do días 26 e 30 de outubro, a partires das once, terá lugar un obradoiro e cata de mel denominado “Trevimel” no Concello da Veiga. Incluirá unha charla impartida dende o Consello Regulador do Mel de Galicia sobre tipos de meles, así como a súa elaboración, conservación e etiquetado. Tamén se darán consellos de consumo e, de seguido, farase unha cata de meles. Ademais ás 12:30h. elaboraranse pratos doces e salgados nos que o mel será o ingrediente principal.

Por outra banda, outros froitos do bosque propios do outono serán os protagonistas noutro par de actividades baixo a denominación de “Tregumelos”. Así o 25 de outubro impartiranse unhas xornadas micolóxicas para hostaleiros e ademais o 29 de outubro terá lugar outra cita formativa, desta volta para o público en xeral. A programación comezará neste segundo caso ás 10:30h. cunha intervención sobre os principais xéneros seguros: Boletus e Lactarius. Unha hora despois farase unha saída técnica tutelada, seguida de identificación e clasificación. A xornada continuará pola tarde con máis formación teórica, neste caso sobre os cogomelos na cociña. E ás 19:30h. procederase é elaboración de pinchos.

As persoas interesadas en participar nestas actividades poderán facelo incribíndose na Oficina de Turismo da Veiga.

Artigos relacionados

Back to top button