EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Tributo ao viño novo na X Festa da Vendima de Punxeiro

Centos de persoas acudirán o 8 de outubro a esta localidade vianesa para participar desta celebración
Os Bertolini, actuando no inicio da pasada edición da Festa da Vendima de Punxeiro./ Foto: Mónica G. Bellver.
Os Bertolini, actuando no inicio da pasada edición da Festa da Vendima de Punxeiro./ Foto: Mónica G. Bellver.

Entre brindes e saborosos pinchos discurrirá a X Festa da Vendima de Punxeiro (Viana do Bolo). Trátase dun roteiro festivo polas adegas desta localidade que se celebrará na tarde do 8 de outubro. O seu programa abrirase ás cinco da tarde coa venda de entradas. Custarán 13 euros e incluirán unha cunca para degustar o viño e un pano (que cada ano muda de cor) conmemorativo, que se recollerán a partires das seis e media. O posto instalarase, como vén sendo habitual, na entrada desta localidade.

Ao redor das sete da tarde, dende o alto das escaleiras que dan acceso ao adro da igrexa, procederase á lectura do pregón. De seguido, acostuma realizarse unha homenaxe a algúns dos adegueiros e, finalmente, comezará a soar a música. Ese será o sinal do inicio da ruta propiamente dita polas adegas. Tocarán tres grupos que repartirán aos asistentes nas tres adegas que abrirán as súas portas ao mesmo tempo. Serán a charanga Fuego de Verín, Xente Moza e a formación de música tradicional Os Bertolini de Manzaneda. A partires de aí en cada unha das adegas servirase viño (tinto e branco) aos asistentes e unha variada e saborosa gama de pinchos.

Unha vez pechen esas adegas, abrirán outras tres. E así ata completar o circuíto. Despois, os participantes desprazaranse ata o campo da festa, onde actuarán outros dous grupos: Assia e Nebraska. E a fin de festa estará animada polos Djs Tariro e Eric Macía.
Esta décima edición (na que tamén se disporá dun servizo de autobuses dende a praza de Viana do Bolo), estará organizada pola Comisión de Festas de Punxeiro en colaboración co Centro de Animación Rural deste pobo.

Artigos relacionados

Back to top button