ConcellosÚltima hora

Trives quéixase ante a Consellería de Infraestruturas polo novo plan de transporte

Os veciños deste municipio do oriente ourensán “necesitarán tres días para desprazarse ao Barco” con ese novo plan, segundo o Concello de Trives
Exterio do Concello de Trives.

As consecuencias do novo Plan de Transporte Público de Galicia non son positivas para o oriente ourensán. Así o cre o Concello da Pobra de Trives que vén de remitir o 9 de agosto unha queixa ao Servizo de Mobilidade da Consellería de Infraestruturas “polos novos horarios da liña entre A Pobra de Trives e O Barco de Valdeorras e viceversa”, tras a entrada en vigor do devandito plan. Así o vén de facer público esta administración local a través dunha nota de prensa.

Dende este Concello sinalan que o “único autobús que hai dende O Barco cara Trives sae ás 5:15 horas da madrugada, e a única posibilidade de ir en transporte público dende Trives ao Barco sae ás 16:30. É un horario absolutamente inútil, xa que a nosa veciñanza ten o hospital de referencia no Barco, atopándose tamén alí as oficinas da Axencia Tributaria ou a Seguridade Social, entre outras. Con este horario, un veciño que teña que ir ao hospital ten que saír da casa o día anterior e agardar á madrugada do día seguinte para poder voltar. Precisamos tres días para chegar en transporte público a un concello que está a 40 km Claramente, este horario non atende ás necesidades da poboación”, di o alcalde trivés, Francisco José Fernández.

O rexedor engade que “entendemos que isto obedece a un total descoñecemento do noso territorio e das necesidades da nosa veciñanza por parte da Xunta de Galicia. Temos coñecemento de que esta situación xa se lle fixo saber pola concesionaria do servizo, desatendendo a Consellería a súa queixa”.

Ante esta situación dende o Concello da Pobra de Trives esíxelle que “se muden os horarios, propondo que o autobús saia de Trives ao Barco a primeira hora da mañá e regrese de Valdeorras a Trives a última hora da mañá ou primeira da tarde, posibilitando que os veciños poidan trasladarse ao Barco a facer as súas xestións no mesmo día”.

Artigos relacionados

Back to top button