EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

Trives rompe cos estereotipos na moda e aposta polo comercio local

O CIM organizaba o 11 de xuño o “II Desfile Trives está de moda” na praza do Reloxo, implicando a cidadáns e empresas

Sobre a pasarela e a alfombra vermella instalada na praza trivesa do Reloxo na tarde do 11 de xuño desfilaban uns modelos moi especiais ante a mirada das numerosas persoas que enchían o lugar. Rompían cos canons establecidos e cos estereotipos e poñían en valor aos cidadáns triveses, amosando que a beleza está na diversidade, e tamén ao comercio local. Trátabase da segunda edición do desfile “Trives está de moda”, no que participaban medio cento de veciñas/os (dende nenos ata maiores de 80 anos) deste concello.

A iniciativa está promovida dende o CIM (Centro de Información á Muller) do Concello de Trives xunto con comercios de roupa da vila (Vázquez Moda e Marnia), de deportes (Mátias, Mercería Puri), perruquerías (Triskel, Mariluz e Filo) e floristerías (La Rosa) e coa tenda de fotografía Codifoto. Asemade o acto desenvolvíase coa colaboración na música e na megafonía de Disco Bady. Ao remate do desfile, a organización agasallaba ás persoas que traballaban e colaboraban para facelo posible cunha pinchada.

“O CIM traballa para fortalecer a autoestima da muller desde temperá idade e promover o empoderamento. Outro ano máis adicamos este segundo desfile a resaltar a importancia da beleza natural e a romper canons de beleza, aceptarnos tal e como somos, resaltando que a beleza e cuestión de actitude e que na diversidade está a beleza”, indican dente este centro trivés.

Como na primeira edición deste desfile, faise “un esforzo por estimular a autoestima das mulleres fronte aos estereotipos presentados constantemente nos medios de comunicación e, como non, tamén por fomentar o comercio local, amosar que Trives está de moda e que hai moito roupa aquí cerca coa que nos podemos sentir estupendos e estupendas sin necesidade de saír da vila”, engaden dende o CIM.

Fotos cedidas polo CIM de Trives.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button