ConcellosÚltima hora

A Tropa de Trapo fai parada no Barco co seu espectáculo “Contamos todas”

A actividade está organizada polo Fondo Galego de Cooperación e pola Concellería de Servizos Sociais
Marta Ortiz e Brais das Hortas forman A Tropa de Trapo.

Marta Ortiz e Brais das Hortas levan dez anos percorrendo a xeografía galega como A Tropa de Trapo, un proxecto co que recollen e crean contos para levalos a escena con música en directo, ben con instrumentos habituais como con outros elaborados a partir de refugallos. Os seus espectáculos, de carácter participativo, buscan un equilibrio entre entreter e educar, cun trasfondo social e unha vertente pedagóxica coidada. Por un lado, ritmo, música, narración áxil e pingas de humor. E, por outro, a convicción profunda da necesidade de falar de valores como a liberdade, a solidariedade, o respecto ou a igualdade.

Precisamente a igualdade é o valor que os traía na mañá do 23 de novembro ata o Barco de Valdeorras, dentro da xira “Contamos todas”, un espectáculo a prol da equidade de xénero que está a percorrer dez concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A actuación tiña lugar no Teatro Lauro Olmo, con estudantes de Secundaria do municipio.

No espectáulo, a compañía compostelá mestura historias contadas con música en directo e obradoiros participativos para facer reflexionar ao alumnado, na semana en que se conmemora o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Centrada na desigualdade e na violencia de xénero, a sesión incluíu contos: “As mulleres de Torneiros” e “Liberia”, exemplos de vida de mulleres que se enfrontaron a diversas situacións; e tamén un obradoiro no que contaron coa opinión e colaboración dos asistentes.

Artigos relacionados

Back to top button