Turismo inviste 74.000 euros nunha pasarela que unirá os puntos turísticos de Cenlle

A intervención é froito dun convenio asinado entre a Xunta e o Concello desta localidade

A Xunta, a través de Turismo de Galicia, está a desenvolver no Concello de Cenlle traballos de recuperación no paseo fluvial xunto ao Miño, nunha contorna na que destacan os seus recursos termais e enoturísticos, que quedarán deste xeito unidos. Esta intervención conta cun investimento de 74.000 euros.

A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira e o alcalde de Cenlle, Gabriel Alén, supervisaron hoxe, 5 de decembro, a execución das obras feitas ao abeiro dun convenio de colaboración asinado entre a directora de Turismo de Galicia, Nava Casto, e o rexedor do municipio “co obxectivo de recuperar un camiño tradicional, que xa existía con anterioridade ao encoro de Castrelo de Miño, pero que debido á dificultade dos accesos en algúns tramos foi abandonado”, remarcan dende o Goberno galego.

Díaz Mouteira indicou que Cenlle “combina a posibilidade de gozar da natureza, dos recursos termais e do enoturismo, singularidades que esta actuación axudará a aproveitar, pois o paseo fluvial unirá as adegas co Balneario de Laias e a Área Termal de Barbantes que son os tres focos principais de atracción turística de Cenlle”. Ademais, a delegada territorial subliñou que as obras da pasarela peonil permitirán pór en valor a paisaxe característica da comarca ourensán do Ribeiro con viñedos nas beiras do río, camiños tradicionais enmarcados con muros de pedra e bosques de vexetación autóctona moi ben conservada.

As obras previstas, que respectarán a contorna natural do lugar, recuperarán ditos elementos para o uso e goce dos mesmos por partes dos veciños e os turistas. Ao existir un tramo onde o espazo entre o río e o terraplén do ferrocarril é insuficiente, construirase unha pasarela voada sobre o río, mediante unha estrutura de madeira en harmonía coa contorna.

 Marisol Díaz destacou que con esta actuación poténciase a riqueza dos recursos turísticos do concello, entre os que salientou o enoturismo e o termalismo, e a súa a capacidade de incrementar os fluxos turísticos, desestacionalizar a demanda e crear unha imaxe de destino de calidade.

Este tipo de recursos endóxenos permiten a Galicia especializar a súa oferta e darlle un valor engadido, de calidade e tranquilidade, tal e como propón a Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta deseñada entre Xunta e sector para desenvolver a actividade turística nos próximos anos.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies