CulturaCulturaÚltima hora

Un novo Loro Ravachol, no Museo Galego do Entroido en Xinzo

Nova doazón e visitas escolares a este centro nas datas previas á celebración desta festa

 

Acto de entrega do Loro Ravachol ao Museo Galego do Entroido de Xinzo.

Cunha nova peza conta dende finais de febreiro o Museo Galego do Entroido (MuGaE), situado en Xinzo de Limia. Trátase do Loro Ravachol, unha figura do Carnaval de Pontevedra que remata cada ano no lume ao final da festa.

A Asociación Recreativa de Xeve, responsable da construción do Loro Ravachol, e o Concello de Pontevedra facíanlle unha doazón gratuita dun Loro Ravachol ao MuGaE e ao Concello de Xinzo de Limia dun Loro Ravachol para que sexa exposto nestas instalacións. Deste xeito buscan “publicitar, promocionar e promover o Entroido de Pontevedra e as tradición que o acompañan”, segundo se indica dende o museo. Facía entrega da peza Florencio Chantrero Filgueira, presidente da citada asociación, e recibíaa Iván Prado Rodríguez, coordinador do MuGaE, en representación do Museo.

O museo xa contaba coa figura do Loro dentro da súa colección, aínda que se trataba dunha cesión. Agora o Loro pasa a formar parte da colección do Museo como propiedade propia sendo a nova peza do dobre de grande que a anterior.

 

Alumnos do colexio Carlos Casares de Xinzo, no museo.

Ademais na xornada do 22 de febreiro o museo recibía unha visita de 50 alumnos de 5 anos do Colexio “Carlos Casares” de Xinzo de Limia. Nos vindeiros días o museo espera novas visitas, entre elas unha do Centro Terceira idade de Vilar de Santos e Taboadel, e outra do Centro de Menores do Concello de Verín.

Este museo permanecerá aberto durante as mañás e as tardes dos días do Entroido (de 10 a 13h. e de 16h. a 18h.) agás o Martes pola tarde, que non abrirá. “Cabe suliñar que o Museo durante o anterior domingo de Corredoiro tivo máis de 100 visitas durante todo o día”, sinalan dende desta entidade.

Fotos cedidas polo Museo Galego do Entroido.

Artigos relacionados

Back to top button